Galiza Nova de Ponteareas acusa ao PP de manobras preelectorais
As mocidades do BNG farán pública pola rede unha gravación na que José Vázquez se presenta nunha oficina en nome do Concello e logo rectifica aclarando que o Alcalde e a concelleira lle “pediron o favor”
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, a través do seu responsábel de organización Miguel Bouzó, acusou á concelleira de Comercio, Marisol Valado, de utilizar un axente electoral do Partido Popular, José Vázquez, para recoller datos dos comercios de Ponteareas. A concellaría que dirixe Valado entregou nas últimas semanas un impreso para ser cuberto polos comerciantes, no que se inclúen datos persoais como nome e apelidos, teléfono ou DNI. Na carta, asinada por Valado, a concelleira remata pedindo que “cumprimenten a ficha que axuntamos na carta e pasaremos a recollela”.
A conversa foi gravada e nela o responsábel da oficina pídelle explicacións a Vázquez, ao recoñecelo como membro do PP alleo á plantilla do Concello
O venres 29, de mañá, o axente electoral do PP José Vázquez, apoderado e interventor deste partido e coñecido colaborador do actual alcalde, presentouse en numerosos comercios e oficinas, facéndose pasar por empregado do Concello. Nunha oficina, Vázquez entrou dicindo “son do Concello” e pedindo a entrega dos papeis da concellaría de comercio. A conversa foi gravada e nela o responsábel da oficina pídelle explicacións a Vázquez, ao recoñecelo como membro do PP alleo á plantilla do Concello. O axente electoral, acaba recoñecendo que en realidade “estou facendo un favor que me pediron”. Na conversa, o responsábel da oficina mostra a súa indignación polo feito de que Vázquez se presente enganando e actuando falsamente en nome do concello para levarse documentación con información sometida á lei de protección de datos.
Publicarán as gravacións
Segundo Miguel Bouzó, responsábel de organización de Galiza Nova, “os feitos son un escándalo, a concelleira Marisol Valado é responsábel deste vergonzoso e gravísimo feito, pois o Sr. Vázquez actuaba no seu nome e no da súa concellería, enganando e facéndose pasar por persoal do Concello”. Os nacionalistas sospeitan que “ducias de comercios entregaron os seus datos persoais a un señor que nada ten que ver co Concello e si co Partido Popular e que polo tanto pode manexar e utilizar eses datos e documentación sen control para o seu proveito ou do seu partido”. Segundo Bouzó “é evidente que Valado botou man de José Vázquez por ser axente electoral do seu partido, suplantando a traballadores municipais”.