Galiza prepara o envío de medios para axudar a "restabelecer a normalidade" no País Valencià tras o paso da DINA

Paiporta é un dos municipios valencianos máis afectados pola DINA. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
Representantes da Xunta da Galiza, o Goberno estatal, a Fegamp, deputacións, Protección Civil, Emerxencias da Galiza e outras institucións reuníronse este sábado para facer reconto dos recursos dispoñíbeis e artellar unha estratexia de colaboración.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, afirmou este sábado que a Xunta da Galiza está a facer "reconto" dos medios dispoñíbeis de todas as administracións galegas para coordinar e enviar medios ao País Valencià que axuden a "desatascar" e "restabelecer a normalidade" tras o paso da DINA.

Tras reunirse por videoconferencia con responsábeis e servizos operativos da Delegación do Goberno estatal na Galiza, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), deputacións, Protección Civil, Emerxencias da Galiza e outras institucións para coordinar o envío de novos medios de apoio e axuda, Diego Calvo sinalou que Medio Rural ten un dispositivo aproximado de entre 70 e 80 persoas en disposición de ir, mentres que a Axega tamén conta con varios grupos de persoas e unha unidade de Policía Autonómica que se podería desprazar nas próximas horas aos municipios valencianos máis afectados, así como efectivos dos consorcios provinciais de bombeiros e dos parques das cidades.

"Esta reunión era para ver cantos estaban dispoñíbeis e nas seguintes horas seguramente poidamos avanzar un pouco as características do envío que faremos desde Galiza", manifestou. En declaracións aos medios, o conselleiro de Presidencia asegurou que desde o primeiro día o 112 Galiza está "en contacto permanente" co 112 València. "Estamos a disposición do Goberno e de Emerxencias de València", insistiu, antes de subliñar que "a coordinación é fundamental".

Por iso, lembrou que Galiza enviou a pasada cuarta feira a València o helicóptero Pesca 1 porque "naquel momento o primeiro que necesitaban era asegurarse de que non quedaban persoas sen rescatar". O Pesca 1, porén, recibiu na tarde da quinta feira a orde de regresar a Vigo logo de "non atopar ninguén" para rescatar e de que o Govern valenciano "non solicitase máis medios".

Agora a Xunta fai "un reconto" de todos os medios para poder enviar "no caso de que sexan necesarios e os demanden por parte de València". Neste sentido, Calvo explicou que esta madrugada o 112 pedía "máis medios para desatascar e restabelecer a normalidade". Por iso, convocouse "inmediatamente" esta videoconferencia "con todas as administracións que teñen medios de emerxencias á súa disposición" para, entre todos, "ver cales son os medios que require agora mesma València, cales podemos dispor e cando podemos organizarnos para envialos".

O conselleiro detallou que València demanda que sexan "medios autónomos", é dicir, "non enviar maquinaria, senón xente que poida estar organizada cos seus mandos e que poidan utilizar eses medios". "Iso é o que estamos a tratar de organizar nun primeiro envío e seguramente haxa máis", avanzou.

En canto a datas concretas, Calvo augurou que "no prazo de mañá [domingo] ou a segunda feira sairá o primeiro envío". "Veremos se hai que facer outros envíos, se piden eses mesmos recursos ou utilizamos outro tipo de recursos. En calquera emerxencia é fundamental a coordinación e temos que confiar na coordinación dos mandos que están á fronte. O que nos reclamen, enviámolo, pero non se trata de enviar recursos, nin cousas que non sexan pedidas por València", reiterou.

Fegamp

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, confirmou após a xuntanza que xa se está a recabar "todo o apoio posíbel", tanto de persoal como de recursos materiais e loxísticos, dos concellos e deputacións con servizos de emerxencias e grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

"Pídense medios de achicado, de mobilización, de arrastre e carga para o transporte, de limpeza, de xeneración eléctrica, de rescate acuático e de visualización. Os equipos desprazados deberán ser autosuficientes, evitando sobrecargar os recursos da zona afectada", precisaron desde a Fegamp, que manterá informados os concellos e deputacións de "todas a novidades que vaian xurdindo" ao respecto.