Quinta feira, ás 19.30h, no Museo das Peregrinacións

As forzas políticas exporán en Compostela as súas propostas para Galiza

Galiza escolle 23 deputadas e deputados o 28A

Santiago acollerá un encontro organizado pola Asociación Cultural O Galo para coñecer de primeira man as propostas que defenden para Galiza as diferentes formacións que tiveron ou teñen presenza nas Cortes Xerais.

As principais formacións que concorren ás eleccións xerais do 28A presentarán na cidade de Santiago as súas posicións e propostas políticas que unicamente afectan a Galiza. O vindeiro 4 de abril, a Asociación Cultural O Galo organiza un encontro coas opcións políticas que concorren en Galiza aos comicios xerais.

 

Moderado pola xornalista e directora de Sermos Galiza, María Obelleiro, o encontro contará cunha persoa representante das principais forzas políticas con opcións a conseguir os escanos que Galiza se xoga no mes de abril. Sete minutos terá cada representante político para expor ao público asistente as medidas programáticas que defenden para o país.

 

Ao acto organizado polo Galo, que terá lugar no Salón do Museo das Peregrinacións, situado na Praza das Praterías, asistirá polo Partido Popular o membro da súa candidatura e concelleiro compostelán Alejandro Sánchez-Brunete, mentres que polo PSdeG acudirá Enrique Vázquez Naveira. O actual deputado Antón Gómez-Reino, que concorre como cabeza pola Coruña de En Común-Unidas Podemos, exporá as medidas para Galiza que recollen desde a coalición. O BNG estará representado polo seu cabeza de lista pola circunscrición da Coruña, Néstor Rego, quen tamén é portavoz dos "19 de Meirás". A xornalista viguesa Beatriz Pino acudirá en representación de Ciudadanos como a súa nº1 por Pontevedra. Tamén participará en representación da Marea a candidata Alba Nogueira.