Feixoo pide unha Galiza “española pero galaica”

Alberto Núñez Feixoo con Diego Calvo, reelixido presidente do PP da Coruña (Foto: ANGELG)

Núñez Feixoo, cun PP cada vez máis recentralizador e escorado á dereita para competir co electorado de Vox, volve tirar de lemas para tentar manter a frote a imaxe dun PP galego, acuñando agora novo temo: unha Galiza "española pero galaica".

Na súa intervención este sábado no Congreso Provincial do PP da Coruña, que reelixiu Diego Calvo para liderar o partido neste territorio, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, avogou por unha Galiza “española pero galaica”.

O mandatario apelou a xente nova, á que hai que atraer á política co obxectivo de "servir e non servirse". O fundamental, dixo, “é non consentir que se equiparen as mentiras e as verdades, porque iso produce unha deterioración na sociedade, algo que en España empezou xa hai uns anos".

Feixoo asegurou que "gañar é difícil", para o que hai que "dialogar con todos", tamén cos que non lles votan, aos que fixo un chamamento. O titular da Xunta cre que moitos votantes do PSOE están desencantados "cun partido socialista que se converteu no partido sanchista" e con que "os que queren dividir España estean no propio Goberno".

A vitoria, recalcou, pasa tamén por convencer os que votaron o BNG "porque pensaron que tiña patente para defender Galiza e agora son conscientes de que Galiza non se protexe copiando o independentismo vasco e catalán, nin sendo cómplices necesarios do desprezo de Pedro Sánchez a Galiza".

Incide nos malos resultados das municipais

Para abordar as próximas eleccións galegas, Feixoo recorreu a unha comparación futbolística e afirmou que, aínda que non tiveron bos resultados a nivel municipal, mellorarán grazas a congresos como o deste sábado.

"O Depor vai subir, aínda que non fixese as cousas ben", dixo o titular da Xunta, que comentou que na Coruña están "afeitos" a que o balón "pegue o poste e salga fóra", como ocorreu en Ferrol nos últimos comicios. "Perdemos unha liga así", comentou.

Posíbel pugna en Compostela entre Mayo e Berea

O médico compostelán Fernando Mayo reuniu na sexta feira nunha cea nun hotel da Sionlla case 200 afiliados do PP de Santiago, ante quen reivindicou a súa intención de tentar dirixir a formación local "non por ser o mellor candidato" se non porque considera que "carecer de ataduras, ser libre e independente economicamente" pode levar "a que o seu futuro proxecto e o de todos poida chegar a bo termo".

Aínda que o conclave local aínda non está formalmente convocado, os movementos na capital galega xa empezaron. Xa hai semanas, Mayo deu os primeiros pasos para tentar articular unha candidatura e mantivo diversos encontros con militantes do partido.

Se finalmente presenta candidatura, en fronte podería ter o presidente da xestora local, Borja Verea. Alto cargo con Alberto Núñez Feixoo na Xunta (foi secretario xeral técnico da Consellaría de Economía) até que entrou de cheo na area da política local. Verea aínda non oficializou a súa intención de dar o paso, aínda que tampouco o negou.

Iso si, este sábado chamou á unidade interna e agradeceu a confianza que depositou nel o seu presidente provincial, Diego Calvo, ao elixirlle como un dos catro vicepresidentes que o acompañarán na nova etapa do partido na dirección provincial coruñesa.