Feixoo lánzase á carreira presidencial abríndolle ás portas a Vox e co nacionalismo como inimigo

Alberto Núñez Feixoo na sesión de clausura do congreso do PP. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)

O congreso do Partido Popular rematou segundo o guión previsto. Un gran acto electoral para empuxar a carreira presidencial de Alberto Núñez Feixoo nun contexto de crise do PSOE.

O Partido Popular ten claro que a gobernabilidade do Estado dispútase entre unha maioría articulada ao redor do PSOE e os nacionalistas e outra construída entre os populares e Vox. A esa cuestión, respondeu con claridade Alberto Núñez Feixoo no acto de clausura do partido, onde foi precedido no uso da palabra pola presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso.  

Non imos facer un cordón sanitario a Vox”, afirmou Feixoo, quen sabe que calquera posibilidade de acceder ao Goberno do Estado pasa por un acordo coa formación liderada por Santiago Abascal. Neste sentido, indiciou que é "a terceira forza política" do Estado, "os seus votantes merecen respecto" "e non estou disposto a esquinalos".

Un discurso análogo ao de Vox

Núñez Feixoo  trazou un discurso que non gardou diferenzas ideolóxicas co da formación españolista de extrema dereita. Neste punto, destacou pola súa afirmación radicalmente españolista e de exclusión da pluralidade do Estado e das forzas nacionalistas.

"É mellor ser claros: fóra da lei e da Constitución, nada de nada", aseverou Feixoo, quen asegurou que non vai consentir "máis desafíos a España" e defendeu unha "España de cidadáns libres e iguais" en liña coa folla de ruta formulada na sesión de apertura do conclave por José María Aznar.

O presidente popular apostou por unha relación de "vixilancia" cara o nacionalismo, defendendo a eficacia das súas políticas para combatelo. A este respecto, sinalou que "ao longo da miña vida, gañámoslle ao nacionalismo e ao independentismo na Galiza. Non se me dá ben someterme".

O propio perfil das persoas escollidas para a dirección do PP confirman a decisión de Núñez Feixoo de facer do combate do nacionalismo o centro da súa alternativa. Un exemplo disto, é o protagonismo na nova dirección de persoas como como Cayetana Álvarez de Toledo.

Núñez Feixoo  aposta polos duros para pilotar esta nova etapa do partido. Unha mostra disto é a designación de Miguel Tellado como secretario xeral da formación e Ester Muñoz como voceira do grupo no Congreso dos Deputados.

A última oportunidade de Feixoo

O presidente dos populares ten agora por diante a necesidade de articular unha alternativa que lle permita sumar nos vindeiros comicios. No caso dun fracaso electoral, será o último pois non terá outra oportunidade.