Feixoo denomina a política do PP de “galeguismo útil na defensa da autonomía”
Ante a estatua en Lalín a Balbino, o personaxe de Neira Vilas en Memorias dun Neno Labrego, o PP desenvolveu o acto “adiantado” con motivo do 25 de xullo. Nel interveu Alberto Núñez Feixoo, quen afirmou que o Partido Popular simboliza o “galeguismo útil, cordial e construtivo” que defende e amplía a autonomía, pese a que durante o seu goberno non se acadou ningunha competencia para do Estado para a Galiza.
Feixoo remarcou que o PP reivindica “sen complexos o galeguismo”
Coa mirada posta xa na próxima década, Feixoo avogou por “actualizar o galeguismo” para que o PP “siga entendendo e resolvendo mellor que ninguén as inquedanzas da veciñanza”, e engadiu que “os debates sobre a Galiza que foi e a que é deben deixar paso á Galiza que debe ser”. Neste punto, asegurou que só este partido pode ofrecer aos galegos e as galegas “un proxecto de futuro claro e en positivo, xa que o avala a experiencia e motívao a forza da mocidade”, afirmou.
Feixoo fixo referencia a Xosé Neira Vilas e á súa obra ‘Memorias dun neno labrego’, para, segundo el afirmou, “reflexionar o que queremos ser”.
Así, dixo que a nosa a Galiza está “obxectivamente chea de razóns para mirar cara adiante con ilusión e optimismo e puxo en valor unha terra próspera, que recibe millóns de visitantes, que goza de estabilidade política nunha España confundida”, afirmou en referencia ao fracaso desta terza feira 23 de xullo na sesión de investidura no Congreso.
Feixoo remarcou que o PP reivindica “sen complexos o galeguismo” e incidiu no “orgullo de ser galegos, españois e europeos”.