Feixoo acepta agora reclamar nos tribunais a débeda do IVE

A oposición aféalle que exerza ou non de presidente de Galiza segundo quen goberne no Estado.

Amagou, amagou e finalmente tivo que dar un paso adiante. Núñez Feixoo levaba días ameazando con ir aos tribunais para reclamar ao Estado que pague os 200 millóns de euros que debe a Galiza polo IVE mais non foi até esta cuarta feira, e despois de que desde a oposición forzas como o BNG lle exixisen “deixar de choromicar” e dar o aso, que anunciou o recurso á xustiza.

Para a oposición, fica claro que Feixoo compórtase como presidente reivindicativo para Galiza dependendo de quen goberne en Madrid. O conflito polo IVE vén dunha lei aprobada polo Executivo de Mariano Raxoi e daquela Feixoo calou, lémbranlle.

Feixoo dixo que seu Goberno "esgotará todas as posibilidades no ámbito xudicial" para "defender Galiza" e levará aos tribunais ao Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez.

"Esgotado o diálogo institucional, seguiremos esgotando todas as vías para defender Galiza no ámbito xudicial, esgotaremos todas as posibilidades legais", sentenciou despois de que, no marco da sesión de control, a parlamentar do BNG Olalla Rodil, que substitúe Ana Pontón, que acaba de ser nai, nas súas funcións de portavoz, o emprazase a ir aos tribunais.

Despois dunha intervención na que o líder do PPdeG non aforrou críticas para o acordo subscrito por BNG e PSOE para investidura de Sánchez, Rodil ironizou con que o presidente ultimamente só acerta "cando rectifica" e "cando copia" ao Bloque. "Por moito que se envolva na bandeira galega agora, non poderá tapar unha década de submisión a Madrid e ao centralismo", advertiu.

Desde o Grupo Común da Esquerda, pola súa banda, Antón Sánchez afirmou que “a palabra de moda da acción de goberno de Feixoo é recuar”, lembrando a reapertura do salón de partos de Verín ou a fin do proxecto mineiro para Touro. “Nas mobilizacións pola sanidade pública bérrase moitas veces ‘con este goberno, imos de cu’. Cando vostede recúa, o resto avanzamos”, celebrou Sánchez.

Gonzalo Caballero (PSdeG) considera que hai “unha maioría no país” que está “disposta a gobernar” e que vai desaloxar o PP da Xunta. O líder socialista  afirmou que “temos que defender Galiza do seu Goberno e das súas políticas”, que considera lesivas para a maioría social.