A Feijóo tócalle hoxe lidar no Parlamento coa crise do concello de Santiago
Alberto Núñez Feijóo terá que responder ás preguntas da oposición na sesión plenaria desta cuarta feira. Neste senso, BNG e AGE inquirirán ao líder do executivo galego sobre a situación que se está a viver no concello de Santiago de Compostela após as novas imputacións e detencións producidas no seo da equipa municipal.
O líder d@s populares e presidente da Xunta de Galiza rexeitou pronunciarse a respecto dos acontecementos limitándose a asegurar que a situación da corporación municipal compostelá "non é normal". Porén, non exixiu a demisión do alcalde, Ángel Currás --dobremente imputado, como demandaban os grupos da oposición, nin da concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, tamén encausada por supostos delitos de corrupción e prevaricación.
No entanto, Feijóo non poderá evitar facer fronte ás preguntas d@s voceir@s da oposición --como si fixo coa solicitude de comparecencia que fora demandada polo grupo socialista para que o líder do executivo galego respondese perante os numerosos casos de corrupción que asolagan o seu partido. A maioría parlamentar do Partido Popular evitou que o seu presidente tivese que dar resposta a unha comparecencia monográfica sobre financiamento en B e contribucións irregulares do PPdeG á contabilidade de Génova. No entanto, si deberá asumir a súa responsabilidade a respecto dos últimos acontecementos decorridos en Compostela.
O BNG demandará formalmente a convocatoria de eleccións anticipadas
De acordo co disposto no artigo 61 da Lei de Bases de Réxime local o grupo nacionalista anunciou que exixirá ao presidente da Xunta --en tanto que líder do executivo-- que demande do Goberno español a disolución da corporación municipal e, polo tanto, a convocatoria anticipada de eleccións. Segundo o voceiro do Bloque en Compostela, Rubén Cela a situación que está a viver a cidade é "insostíbel" polo que exixen ao preidente do PPdeG que adopte as medidas necesarias para reverter esta situación.
Neste senso, o voceiro parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera solicitará de maneira formal a Feijóo o adianto electoral pois, “é posíbel que o Consello da Xunta pode instar ao Consello de Ministros a iniciar esa tramitación e a dar traslado ao Senado, mentres se crea unha xestora que no prazo de tres meses lle volva dar a voz aos veciños e ás veciñas de Santiago”, explicou o voceiro municipal Rubén Cela nun acto desenvolvido a pasada segunda feira na capital galega.