Feijóo adía a 2020 a decisión do PP sobre unha nova candidatura de Rajoy

Feijóo, nunha visita a Rajoy na Moncloa

Rápida resposta de Feijóo ao desexo expresado por Rajoy de repetir mandato. Nunha nova incursión nos meios da caverna madrileña, entrevista na emisora de Jiménez Losantos, o líder do PPdeG adía a 2020 a decisión sobre o cartaz do partido nunhas novas eleccións estatais.

"No ano 20, o presidente do noso partido, despois de ver o contido e alcance do que fixo o goberno nos últimos anos, despois de ver cal é o ambiente eleitoral e de ver que posibilidades temos de voltar a gobernar España, decidirá libremente e tranquilamente o que cre mellor. E en base a iso, o partido fará unha reflexión e concretará unha candidatura", dixo Feijóo interpelado por Federico Jiménez Losantos na antena de Es.Radio. "Ninguén [en alusión a Rajoy] vai tomar unha decisión en contra do PP e en contra de España", alegou.

 

Era un compromiso mediático de certo risco o que asumiu esta quinta feira Feijóo ao responder a chamada de Jiménez Losantos. Mais non un compromiso accidental nen casual. Fai parte de toda unha estratexia de comunicación de relanzamento da súa figura no taboleiro estatal, tal como a recente entrevista en La Razón, outra marca do aparato de propaganda do sector máis ultra e centralista da direita española. Aliás, Feijóo sabía que no temario da entrevista estaría invariabelmente o asunto da sucesión de Rajoy, após este declarar esta cuarta feira a súa disposición a voltar a ser candidato.

 

Jiménez Losantos milita desde hai anos na corrente anti-Rajoy da caverna. Non lle puido causar estrañeza a Feijóo que lle perguntase directamente se non estaría ben que -quer el quer Cristina Cifuentes quer Pablo Casado, outros líderes alternativos- apresentase a súa candidatura nun congreso aberto do PP, disposto por tanto a competir con Rajoy. A resposta de Feijóo foi bastante polo rego do previsíbel: "Son o presidente da Xunta. Comprometinme cos galegos a o ser até 2020 e esa é a miña tarefea. Servindo ao Estado desde a comunidade autónoma? Por suposto. Sendo o representante ordinario do Estado na comunidade autónoma, que é o que somos os presidentes das comunidades autónomas", respondeu.

 

As declaracións consecutivas de Rajoy e Feijóo admiten unha fácil esexese. O presidente do Goberno dixo literalmente que "a día de hoxe a miña intención é intentar repetir". Aquí os elementos chave de interpretación son a acotación temporal -"a día de hoxe"- e a indeterminación -"intentar repetir". Non sempre se consegue aquilo que se intenta. Por súa parte, Feijóo adía a decisión de Rajoy -que terá de ser referendada en todo caso polo partido, enfatizou- a 2020... xusto cando remataría o compromiso do titular da Xunta "cos galegos".

 

E como pano de fundo desta historia, o ascenso de Ciudadanos, con enquisas a colocar o partido de Rivera por cima do liderado por Rajoy, o que leva a que en círculos non pequenos do PP -sempre en privado- se defenda o relevo do político de Pontevedra ao fronte da candidatura nas xerais. Feijóo revelou que a principios de xaneiro mantivo un encontro con Rajoy en Galiza para lle trasladar a súa inquietude pola emerxencia da escadra laranxa. Sobre Cs, Feijóo combinou dous rexistos discursivos: ditirambos a Arrimadas pola súa campaña catalá -"tivo un excelente resultado e eu alégrome porque se non sobe o meu partido prefiro que o faga Ciudadanos a calquera outro"- e críticas á formación nada en Catalunya polo seu carácter "acomodaticio" -capaces de pactar ora co PP ora co PSOE- e a súa falta de fiabilidade, ao carecer de calquera experiencia de goberno.