Meirás

A familia Franco reaparece en campaña cunha citación ao investigador e candidato do BNG Carlos Babío

Toma simbólica das Torres de Meirás

No último día de campaña electoral o investigador e candidato do BNG Carlos Babío, coautor do libro ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’, recibiu unha citación da familia Franco a raíz da denuncia que os netos do ditador lle presentaran pola súa reivindicación pola devolución do patrimonio espoliado ao pobo.

O investigador Carlos Babío, coautor do libro libro ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’ recibiu no último día da campaña electoral unha citación da familia Franco para acudir a un acto de conciliación. O escritor é tamén membro da candidatura do BNG ao Parlamento Europeo que encabeza a actual eurodeputada Ana Mirada, quen hoxe denunciou a entrada dos Franco en escena no fin da campaña dos procesos electorais cunha nova citación a un acto de conciliación con Carlos Babío. “É indignante que os herdeiros do ditador pretendan amedrentarnos no último día de campaña por denunciar os roubos e saqueos documentados cometidos por Franco”, manifestou.

Miranda chamou a votar BNG como a candidatura antifascista

A citación é para o vindeiro 19 de xuño e terá lugar após a suspensión da conciliación que estaba prevista para o 25 de marzo a consecuencia da demanda interposta por seis dos sete netos do ditador por Babío reivindicar a devolución do patrimonio espoliado por Franco ao pobo galego. “Non acudín a esa citación porque non teño nada que conciliar cos Franco e pase o que pase seguiremos loitando contra o franquismo”, subliñou Carlos Babío.

“Non acudín a esa citación porque non teño nada que conciliar cos Franco e pase o que pase seguiremos loitando contra o franquismo”, subliñou Carlos Babío

Pola súa banda, a eurodeputada nacionalista cualificou como “inadmisíbel” a sombra permanente dos Franco, e chamou a votar BNG como a candidatura antifascista.

“Non deixaremos de denunciar o espolio que cometeu Franco, gústelles aos herdeiros ou non, tanto nas rúas como nas institucións”, evocou Miranda após salientar a anomalía democrática que supón que a familia do ditador desfrute dunha propiedade ilegalmente, roubada por Franco.

“Non deixaremos de denunciar o espolio que cometeu Franco, gústelles aos herdeiros ou non, tanto nas rúas como nas institucións”, evocou Miranda

Miranda tamén lembrou que Babío é neto dunha veciña de Sada expulsada da súa casa co fin de incorporala ao recinto do pazo; e salientou do escritor a súa participación en abril deste ano nunha xornada sobre memoria histórica no Parlamento Europeo para explicar o espolio cometido por Franco no pazo de Meirás

Precisamente no Parlamento Europeo aprobouse o 25 de outubro unha resolución contra o avanzo do neofascismo en Europa a iniciativa de Ana Miranda; coa paradoxa de que ese mesmo día na Galiza, as e os 19 de Meirás denunciados polos Franco por reivindicaren a devolución do Pazo roubado polo ditador ao pobo presentaban declaración perante un xuíz.