Falece Pablo Permuy, edil socialista no Concello de Lugo
O pleno ordinario previsto para esta quinta feira quedou suspendido e decretáronse tres días de loito oficial no municipio.
O edil socialista do Concello de Lugo Pablo Permuy faleceu nas últimas horas, tal e como informou o propio consistorio municipal.
O Concello trasladou o seu profundo pesar polo falecemento e toda a corporación e o equipo de Goberno lamentaron esta "perda irreparábel". Tamén sinalaron que acompañan a súa familia, amizades e compañeiros nun momento "de enorme dor para a cidade".
Permuy incorporouse á corporación lucense en 2023 asumindo algunhas das áreas de máis peso do Executivo local, como Economía, Persoal, Contratación e Patrimonio, pero permanecía de baixa debido a unha enfermidade.
A súa traxectoria profesional, ligada á xestión económica no Sergas, e á súa experiencia no mundo do deporte, especialmente no balonmán, "avalaron sempre a súa seriedade, temperanza e capacidade de diálogo".
No seu labor público, sinalou o Concello, destacou pola súa proximidade e a súa "firme vontade de construír consensos", uns valores, engadiu, que lle permitiron gañar o respecto e aprecio tanto no ámbito político como no persoal.
"O seu paso polo Concello deixa unha pegada indeleble, tanto polo traballo desenvolvido como polas súas calidades humanas", expresou o Goberno local nun comunicado.
O falecemento de Pablo Permuy súmase ao da alcaldesa Paula Alvarellos, que perdeu a vida no mes de marzo tras sufrir un infarto durante un acto público.
Tres días de Lugo
Como mostra de pesar polo falecemento de Pablo Permuy, o Concello de Lugo declarou tres días de loito oficial no termo municipal desde as 10 horas desta quinta feira até as 10 horas do domingo. Durante este período a bandeira da Casa do concello ondeará a medio mastro en todas as dependencias municipais.
Así mesmo, o pleno ordinario previsto para esta xornada quedou suspendido, así como todos os actos oficiais organizados polo Concello até a finalización de loito oficial.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou o pasamento dun "gran loitador, un home próximo e sempre comprometido". Nunha mensaxe publicada nas súas redes sociais, Besteiro mandou o "agarimo" á familia de Permuy, á Corporación lucense e ás amizades.
Tamén desde o BNG, integrante do Goberno local, lamentou a perda "dun compañeiro", enviando tamén "forza e solidariedade" a amizades e familias.
Para o PP de Lugo, Pablo Permuy foi un home "cordial, respectuoso e dialogante", explican nunha mensaxe publicada nuns "momentos difíciles".