A Executiva do PSdeG reunirase para convocar un Comité Nacional após os casos de acoso
A Executiva do PSdeG reunirase a vindeira segunda feira, día 22 de decembro, co obxectivo de convocar o Comité Nacional para tratar a situación política, nun contexto no que o partido fai fronte á crise interna xurdida tras as denuncias de acoso contra o que era presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.
A reunión terá lugar ás 17,00 horas da vindeitra segunda feira en primeira convocatoria -17,30 horas en segunda-, na sede do galega do PSdeG, en Compostela.
No encontro, tal e como sinalaron fontes socialistas, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, informará á dirección sobre "distintos asuntos de actualidade política e orgánica", entre os que figura a convocatoria e celebración do Comité Nacional, o máximo órgano de decisión do partido entre congresos.
O partido indica que esta reunión enmárcase en "o seguimento da actividade interna do partido e na análise do contexto político actual", que está marcado polas crises que atravesa o partido por mor dos casos de acoso.
A xestión da denuncia contra o aínda alcalde de Monforte, José Tomé, motivou que varios sectores lanzasen distintos manifestos críticos con Besteiro, o máis numeroso impulsado por mulleres do PSdeG como a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e que xa reuniu medio milleiro de apoios.