A ex edil de C's na Coruña, Mónica Martínez, incorpórase ao Goberno local do PSOE

Mónica Martínez, nunha imaxe de arquivo, coa alcaldesa Inés Rey e o concelleiro José Manuel Lage Tuñas (Europa Press)
Martínez farase cargo da Concellaría de Deportes. Esta fichaxe da alcaldesa Inés Rey implica unha ampla renovación no Goberno local, pois a propia rexedora quedará coas competencias de Cultura. O edil Jesús Celemín ficará só coa responsabilidade en Educación, Turismo e Seguridade Cidadá pasarán a mans de Juan Ignacio Borrego e Diana Cabanas seguirá á fronte de Mercados e Comercio

A que fora concelleira de Ciudadanos pola Coruña, Mónica Martínez, pasará a formar parte do Goberno local dentro do equipo que dirixe a alcaldesa Inés Rey. Esta fichaxe foi confirmada esta terza feira pola propia rexedora, que destacou “o compromiso” da edil coa cidade.

Asimesmo, recordando o bo entendemento durante a súa etapa en C’s -partido no que causou baixa hai meses-, Rey incidiu na súa “enorme capacidade de diálogo e vontade de aportar e sumar en cada proxecto que entende beneficioso”.

Despois de deixar a formación laranxa a principios no mes de xuño, a concelleira (xornalista de profesión) quedou coa acta e sen adscribirse a ningún grupo. Agora, con este cambio na súa situación, pasará a ser a responsábel da Concellaría de Deportes.

Martínez é moi coñecedora deste campo, ao que ten estado moi ligada na súa faceta como xornalista, polo que Rey confiou nela para o posto. No entanto, este cambio implica outra serie de movementos no Executivo socialista da Coruña.

Mentres que a edil fixa como meta que o deporte sexa “eixo transversal” no municipio, Rey asume as competencias de Cultura. "Esta nova realidade que temos que xestionar oblíganos e pídenos a reestruturación", xustificou a alcaldesa.

O até agora responsábel deste departamento, Jesús Celemín, ficará só coas tarefas de Educación, dado que este curso a área require un "sobreesforzo".

Pola súa banda, Juan Ignacio Borrego, do que dependía Deportes, será o coordinador de Seguridade Cidadá e levará Turismo. Asimesmo, asumirá a tarefa de ser o primeiro tenente de alcalde. Por último, a concelleira Diana Cabanas quedará co seguimento e atención aos barrios, Mercados e Comercio ao perder as responsabilidades sobre a estratexia turística da Coruña.