Mentres, continúa a vetar a transferencia da AP9

O Estado resgata as 8 autoestradas madrileñas en quebra. Podería pagar até 5.000 millóns de euros

O goberno nega o resgate e traspaso da AP9 - infraestrutura que dá beneficios- mais adquire as radiais madrileñas 2, 3, 4 e 5, a M-12, a AP-41 (Madrid-Toledo), a circunvalación de Alicante e a Cartaxena-Vera.

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, recoñeceu nunha entrevista en Los Desayunos de TVE que o Estado terá que asumir as oito autoestradas de peaxe que na actualidade están en quebra para evitar a súa liquidación e fechamento ao tráfico. Son seis vías de Madrid, unha en Alicante e a de Cartaxena-Vera. Un anuncio que chega apenas uns días despois de que o Estado comunicase a Núñez Feijóo a súa negativa a traspasar a AP9 a Galiza, negativa que se sumaba ao argumentario de que un resgate da Autopista do Atlántico sería caro, unha operación para a que non hai cartos. Porén, e segundo informa El País, o estado podería pagar até 5.000 millóns de euros para nacionalizar esas oito autoestradas en quebra.

O ministro dixo que as autoestradas van reverter no estado “e o estado decidirá como xestionalas” e enfatizou que o principal obxectivo do goberno neste eido é que as infraestruturas “continúen e os cidadáns poidan seguir a utilizalas”.

Esta 'nacionalización' das autoestradas é consecuencia da cláusula de responsabilidade patrimonial da administración: o estado ten que asumir unha infraestrutura en caso de quebra e pagar ás empresas concesionarias o importe do investimento que aínda non recuperou. Cláusula que garante que as grandes empresas responsábeis desas infraestruturas sempre van ver cubertos, no mínimo, os seus custos. Non asumen risco ningún.