Hai un problema de convivencia e de confianza nas institucións no Estado español?
O Institut Català Internacional per la Pau (ICIP) publicou esta terza feira as conclusións da enquisa Polarización e convivencia en España en 2021: o papel dos territorios, elaborada polos investigadores Amuitz Garmendia e Sandra León.
Este estudo —que analiza os datos a nivel estatal con máis de 7.000 persoas enquisadas e debúllaos para Catalunya, Andalucía, País Valencià, Estremadura, Galiza, Madrid e Euskadi— conclúe que a crispación política "non reflicte unha fractura social", tal e como "suxire o debate público", xa que hai no Estado español un "bo nivel de convivencia".
Política e organización territorial
O principal foco de polarización afectiva son os partidos políticos, segundo esta enquisa, mentres a cuestión territorial é un foco de tensión "considerabelmente inferior" ao plano político. No conxunto do Estado a percepción da convivencia é positiva, con 5,85 puntos nunha escala de 0 a 10, mentres a convivencia nos territorios recibe de media 7,02 e no plano municipal, 7,22.
O xénero, a comunidade autónoma e a clase social son as tres características que menos se asocian á identidade: só 20% da poboación as considera "bastante" ou "moi" importantes. No eido ideolóxico, a enquisa amosa un consenso transversal sobre unha serie de cuestións, como a igualdade de xénero ou os dereitos das persoas trans.
No outro extremo do espectro, o maior desacordo ideolóxico vén na transición á democracia. Case a metade da poboación de Catalunya non o ve como un motivo de orgullo (3,75 puntos), mentres que en Madrid a metade está de acordo (6,75) e na Galiza obtén 6,01 puntos.
"Outro aspecto que xera opinións diverxentes é a organización territorial: mentres en Catalunya e Euskadi hai grandes maiorías partidarias dun modelo máis descentralizado, en Madrid a maioría prefire máis recentralización. Esta opción imponse tamén lixeiramente no resto de territorios estudados no informe: Andalucía, Valencia, Estremadura e Galiza", salientan desde o ICIP.
Así, 9% das e dos galegos aposta na autodeterminación, mentres 28% reclama unha maior autonomía, 17% pide menos competencias, 13% avoga pola desaparición da autonomía e 26% quere que se manteña como até o de agora, mentres 6% restante prefire non responder.
Porén, só galegos, vascos e cataláns afirman, por termo medio, identificarse máis con cadansúa nación que coa identidade española, e 18,8% das persoas enquisadas na Galiza din sentirse unicamente galegas.
Valoración das institucións
Por termo medio, as e os galegos son, após a cidadanía vasca, os que máis confían en cadanseus gobernos locais (5 puntos sobre 10 no caso galego; 5,3 para Euskadi), mentres a media estatal fica en 4,74. O mesmo acontece, cunhas cifras semellantes (5,15 na Galiza fronte a 4,63 de media estatal) a respecto dos gobernos territoriais, así como no caso do Executivo estatal, que recibe unha puntuación de 3,55 no conxunto do Estado e de 4 na Galiza e Euskadi.
Tamén no caso da Unión Europea: 4,94 de media no Estado español e 5 puntos na Galiza e Madrid, os territorios con maior confianza no ente comunitario.
Pagamento de impostos
Aliás, galegos (6,63 puntos sobre 10) e vascos (6,7) son os que máis avogan por subir os impostos para mellorar a prestación dos servizos públicos e, neste senso, son tamén as que máis apostan na sanidade pública fronte ao sector privado.
A cidadanía galega, cunha puntuación de 5,91, tamén é a que máis defende a premisa de que os impostos son unha boa medida para redistribuír a riqueza.