Cravos vermellos e "o maio que eu quero"
Centos de cravos vermellos deron cor á convención nacional do BNG en Pontevedra, conducida polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que puxeron música e humor no Pazo de Cultura.
O Pazo de Cultura de Pontevedra quedou pequeno para o Encontro Nacional do BNG-Asambleas Abertas. As 800 butacas do recinto foron insuficientes para acoller o milleiro de persoas que encheu o acto da formación frentista. Decenas tiveron que seguilo de pé mentres outras tantas optaron por encher os galiñeiros. Un acto que, como adiantara Xavier Vence horas antes, serviu para “insuflar enerxía” as candidaturas nacionalistas.
No acto estiveron representadas as novas apostas do BNG-AA para os comicios municipais do 24 de maio. Caras novas como as de Rubén Arroxo, en Lugo, e de Ledicia Santos, en Moaña; máis mulleres lideraron listas como o caso de Ana González, en Monfero, ou Ana Ermida, en Barreiros; e como aval da súas candidaturas os actuais alcaldes como Francisco García, en Allariz, ou Sandra González, en Tomiño.
A penúltima intervención foi para o anfitrión Miguel Anxo Fernández Lores, que aspira a maioría absoluta nacionalista en Pontevedra para reafirmar o proxecto de goberno que arrancou hai 16 anos. A imaxe na que se miran as candidatas e candidatos do BNG, como alentou o portavoz nacional, Xavier Vence, no discurso final.
Os discursos
Houbo reivindicacións contra “o espolio que sofre o país”, polo sector gandeiro, o naval, o pesqueiro e enerxético, polas preferentes, a emigración e as privatizacións de servizos públicos. Por un BNG que “siga escoitando á xente”, que aposta pola participación e pola transparencia, polos gobernos “ao servizo do pobo e non como beneficio dos especuladores”, fronte á “xestión corrupta e mafiosa” de PP e PSOE.
O desemprego a emerxencia social foron os eixos do Encontro. “Diante do drama brutal do paro, non miraremos para o outro lado. É indispensable despregar medidas para impedir que empresas que non respectan os dereitos laborais reciban un só euro dos nosos concellos”, asegurou con vehemencia o candidato á Alcaldía de Vigo, Serafín Otero.
Tamén houbo referencias ás novas forzas que se presentaran nas eleccións. “Nunca trataremos de disfrazarnos. Nacionalistas, nacionalistas, nacionalistas, e a moita honra", dixo Lores, que engadiu con ironía que "a ambivalencia só dá acubillo a tránsfugas, oportunistas e chaqueteiros”.
Vence pechou o acto, antes do himno nacional, cun poema de Manuel Curros Enríquez: “Cando eu me atopare / de donos liberto / i o pan non me quiten / trabucos e préstemos, e como os do abade / frorezan meus éidos, chegado habrá estonces / o maio que eu quero”.