Elena Candia, diante da súa batalla final
A batalla das municipais sempre foi dura en Lugo pero nesta ocasión será máis. A dinámica do actual mandato, cun PP situado en campaña permanente e nunha dura oposición que mesmo xera fendas nas súas propias filas, avanza a dinámica do conflito. Porén, a loita de verdade aínda está por comezar.
A totalidade das formacións políticas con presenza en Lugo teñen a vista posta nas municipais. Neste contexto, explícanse algunhas das enquisas contratadas no último mes coas que traballan os aparatos dos partidos para perfilar tácticas, corrixir erros e conformar as candidaturas, onde se dá por feito que o PP, o PSdeG e o BNG continúen liderados por Elena Candia, Miguel Fernández e Ruben Arroxo, respectivamente. Precisamente, unha destas mostras outorga representación no Concello de Lugo a Vox, que alcanzaría 6% dos sufraxios.
Entre ou non entre na corporación luguesa a formación ultraespañolista de extrema dereita, o que confirman todas enquisas é o seu medre, a custa esencialmente do Partido Popular, que leva tempo marcando unha tendencia á baixa. Pola súa parte, os nacionalistas aumentan os apoios, sendo diversas as mostras que lles conceden un concelleiro ou concelleira máis no contexto dun aumento no número de actas no Concello de Lugo, que pasan de 25 a 27 polo medre da poboación. Ao tempo, os socialistas recuperan posicións impulsados pola boa valoración social do novo alcalde, Miguel Fernández.
As sondaxes en Lugo
As sondaxes coñecidas nestas últimas semanas avanzan unha reedición da actual maioría de Goberno conformada polo PSdeG e o BNG, que vería a súa posición reforzada. Mentres as fontes socialistas e nacionalistas consultadas por Nós Diario coinciden en sinalar que as enquisas demostran a "solidez" do Executivo e da súa posición política, as populares réstanlle importancia porque "queda aínda moito tempo para as municipais" , malia recoñecer que "a oposición sempre desgasta". Precisamente, a liña seguida por Candia no Concello non gusta nalgúns sectores do partido, do que é un bo exemplo o dimitido concelleiro popular, Enrique Rozas, moi crítico coa política dos seus.
Unha vez publicada esta crónica, Enrique Rozas púxose en contacto con Nós Diario para negar que sexa crítico co PP lugués e recalcou que dimitiu por motivos familiares.
Os partidos xudiciais
A batalla polo Concello de Lugo ten derivadas máis alá da esfera local. Os resultados das locais no municipio serán chave de cara ao Goberno da Deputación, ao repartir o partido xudicial de Lugo 12 dos 27 escanos que conforman a corporación provincial. Neste distrito, a cidade representa 61,4% do censo e Sarria, actualmente gobernada por unha lista independente de antigos afiliados socialistas, 8,6%. Neste sentido, algúns sectores do PSdeG traballan por reincorporar ás listas do partido os integrantes desa agrupación e o actual alcalde da localidade, Claudio Garrido, cuxo retorno ás filas socialistas foi vetado no seu día polo ex presidente da Deputación, José Tomé.
O PSdeG ve posíbel sumar un deputado provincial máis no partido xudicial de Lugo mais non semella doado. Na mesma dirección, as fontes socialistas consultadas por este xornal dan por perdida unha acta no partido xudicial de Chantada que, polos movementos de poboación, cede un escano en detrimento do partido xudicial de Monforte, que volve contar con tres representantes. Nesta demarcación todo apunta a que o PP alcance dous escanos, se ben fican aínda moitas incógnitas por resolver, comezando pola posición do alcalde de Monforte, José Tomé, de cara aos comicios de 2027.
A loita pola deputación centrarase, sen ningunha dúbida, nos partidos xudiciais de Lugo e Monforte, prevéndose un reparto semellante ao actual no resto das demarcacións que escollen deputados e deputadas provinciais. Nesta batalla electoral ninguén ten máis que perder que Elena Candia, que no caso de non alcanzar a Alcaldía de Lugo e de non lograr a Presidencia da corporación provincial estaría ao final da súa carreira política. Porén, para acceder á cadeira do Pazo de San Marcos, Candia non só deberá vencer nas urnas, senón imporse dentro do partido a outros candidatos, como Antonio Ameixide ou José Angel Santos, que comezan a soar con forza a nivel interno para esa responsabilidade.