Educación autoriza que se superen as ratios máximas pactadas cos sindicatos CCOO, UXT e ANPE

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta segunda feira, durante a súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego. (Foto: Arxina)
Educación autoriza que se superen as ratios máximas pactadas con sindicatos.

A Consellaría de Educación vén de publicar unhas instrucións que permiten aumentar até 25 o número máximo de escolares por aula no último curso de Educación Infantil e en todos os de Educación Primaria, sempre que exista demanda suficiente. A decisión deixa sen efecto práctico a redución de ratios que se anunciara como un dos compromisos que fixaba o acordo para o ensino asinado en outubro de 2023 entre a Consellaría e os sindicatos CCOO, UXT e ANPE. Para a CIG, principal entidade sindical do sector, estamos perante unha "fraude" propiciada polo que cualifica como "acordo da vergoña".

CCOO, ANPE, UXT e a propia Consellaría de Educación gabáronse da importancia do seu 'Pacto para o ensino' por puntos como o que implicaba unha redución progresiva de alumnado por aula na Galiza. Porén, a CIG advertiu onte de que as novas instrucións da Consellaría, baseadas no apartado 40.4 do acordo, deixan en auga de castañas o carácter 'legal' desa baixada de ratios, ao permitir a súa superación baixo determinadas condicións –fixárase un máximo de 20 estudantes, mais o límite legal seguía a ser 25–. Agora, unha circular da Consellaría, asinada o pasado 2 de abril e transcendida onte, permite chegar a 25 alumnos e alumnas en 6º de Infantil e en todos os cursos de Primaria en casos nos que haxa unha "demanda xustificada" por proximidade ao centro ou pola existencia de irmáns xa matriculados. A medida, argumenta a Xunta, responde a situacións de 'zona escolar tensionada', se ben para a CIG é "unha fraude".

A preguntas da prensa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu esta segunda feira descoñecer onde estarían esas 'zonas tensionadas', mais defendeu o acordo no ensino alcanzado cos tres sindicatos. Indicou que, "se hai alguén molesto" coa directriz da Xunta sobre as ratios, "intentaremos explicala", e apuntou a que estas decisións parten de "facer unha xestión máis eficiente dos recursos".

Oposición a Altri

Rueda fixo estas declaracións na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego. Preguntado por Nós Diario sobre se ten previsto recibir os colectivos e plataformas contrarias a Altri que lle pediron unha reunión, após manifestar Rueda que o Goberno estatal debía recibir os representantes da multinacional, non se mostrou polo labor. "En todo momento cumprimos co compromiso de transparencia en canto a alegacións ou acceso a expediente a aqueles que tiñan dereito, esa é a relación que hai que ter con calquera administrado; tamén polos que vostede pregunta", dixo.

Competencias no litoral

Canda Rueda compareceu a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para informar dos novos pasos para a concreción e desenvolvemento da nova competencia de xestión e ordenación do litoral, que se fará efectiva o 1 de xullo. Vázquez ratificou que, pese ao traspaso da xestión do litoral, o Estado conserva a potestade para decidir sobre a petición formulada pola parella do líder do PP e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de que se lle outorgue unha concesión até 2037 do acceso á praia desde a súa casa en Moaña (O Morrazo).

A conselleira lembrou que o decreto ratificado por ambas as dúas administracións outorga determinadas funcións á Xunta, mais hai competencias que se manteñen baixo titularidade estatal. "É o caso das que son de carácter indemnizador, que as seguirá levando Costas do Estado. É o caso desa titular –en referencia a Eva Cárdenas, a parella de Núñez Feixoo– ", explicou.

Entre os plans da Xunta para o litoral, "e coa fin de dotar os procesos de maior axilidade", está o de regular un procedemento único para todas as autorizacións administrativas e títulos habilitantes na costa. "Falamos de autorizacións de usos de tempada en praias, de ocupación do dominio público marítimo-terrestre, ou en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar, entre outras", detallou Vázquez.

Libros de texto

O Consello da Xunta deu tamén esta segunda feira o visto e prace a unha nova convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e de material escolar no curso escolar 2025-26. En conxunto, as liñas de apoio previstas suman un investimento de 17,6 millóns de euros. Tamén aprobou a reunión semanal do Executivo un proxecto, titulado 'O machismo é violencia', polo que vítimas de violencia machista darán charlas en centros de ensino.