A edil de Lugo María Reigosa pide a baixa do Partido Socialista e o alcalde di que segue no grupo municipal "con normalidade"
A edil do Concello de Lugo María Reigosa pediu a baixa como militante do Partido Socialista, un paso que dá tras a saída o pasado mes de decembro da dirección formal da área de Medio Ambiente no Goberno municipal. Tras a súa saída, o alcalde, o socialista Miguel Fernández, sostivo que a concelleira seguía no grupo municipal "con normalidade".
A propia concelleira confirmou que pediu na tarde desta segunda feira a súa baixa como militante do Partido Socialista. Despois diso, Fernández remitiu unhas declaracións aos medios de comunicación nas que sostén que a edil segue sendo concelleira do grupo municipal socialista e participando nas reunións e debates con "normalidade e para todos os efectos".
"Para tranquilidade de todos, seguimos traballando como até o de agora, con normalidade e centrados nos temas importantes da cidade", insistiu o rexedor da cidade, na que PSdeG e BNG gobernan en bipartito. Nas declaracións, Fernández lembrou que a concelleira se incorporou á Corporación "nunha situación complicada", en referencia ao falecemento de Pablo Permui.
Iso, lembrou o rexedor da cidade das murallas, "pasado o ecuador do mandato, coas áreas perfectamente definidas e funcionando con normalidade" e "coa limitación da non autorización da dedicación parcial por parte da Administración para que traballe".
Ademais, o alcalde recoñeceu que "os axustes necesitan tempo" e sinalou que "no grupo municipal ten que imperar a coordinación, o debate interno e tamén a disciplina de voto". "Ás veces, efectivamente, prodúcense debates e criterios diferentes que se estudan e se acordan", indicou.
No Concello de Lugo a formación socialista, que logrou oito concelleiros e concelleiras nas municipais de 2023, gobernan en coalición co BNG, que se fixo con cinco edís. Por iso, o voto de María Reigosa é clave nun contexto no que o PP con 12 asentos, un por baixo da maioría absoluta.