O BNG chama a mobilizarse o Día da Patria Galega en defensa dunha Galiza soberana
O Bloque Nacionalista Galego presentou este sábado os actos promovidos para celebrar o Dia da Patria Galega que concluirán o propio 25 de xullo coa tradicional manifestación patriótica en Compostela.
A secretaria da área de organización do BNG, Lucía López, e a responsábel da área de comunicación, Olalla Rodil, explicaron este sábado a campaña dos nacionalistas con motivo do Dia da Patria Galega, que este ano conmemoran baixo o lema "Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía".
Rodil sinalou que o lema escollido polos nacionalistas pretende ser unha homenaxe a Castelao, como "guieiro na defensa dos dereitos nacionais e sociais do pobo galego".
"Como Castelao", asegurou Rodil "hoxe desde o BNG defendemos unha Galiza soberana, dona de si mesma, que poida decidir o seu futuro sen máis límite que a propia vontade do pobo galego".
A responsábel da área de comunicación nacionalista afirmou que "as galegas e os galegos poden ter claro que teñen no BNG a forza e o motor para facernos valer, estamos no mellor momento da nosa historia e desde o Bloque Nacionalista Galego queremos convidar ao conxunto da sociedade galega a participar no Día da Patria"
López asegurou que o Día da Patria Galega "é mais que unha data simbólica no calendario", é "a expresión da vontade do pobo galego de avanzar cara a un marco político no que Galiza poida exercer plenamente os seus dereitos".
"Queremos", apuntou López, "que o noso país poida decidir sobre a súa riqueza e pór esta riqueza ao servizos do noso pobo, queremos soberanía, como reza o lema desta campaña, para decidir sobre os nosos recursos e para que estes revertan no benestar das galegas e dos galegos".
PP, "axente comercial das grandes multinacionais"
A secretaria de organización do BNG acusou ao PP de actuar de "axente comercial das grandes multinacionais" e denunciou o "espolio eólico, a ameaza da macrocelulosa de Altri ou a posíbel reapertura da mina de Touro-O Pino". Ao tempo, manifestou a solidariedade con Palestina e denunciou "o xenocidio que está a perpetrar o Estado de Israel".