Desmontamos o mito da Galiza subsidiada
O sistema de concerto económico, ou cupo, sería sustentábel para Galiza. Así o evidencian os dados que pomos sobre a mesa na información recollida no Sermos Galiza 230, á venda nos quiosques e na loxa. Eis un extracto.
Desde hai anos, principalmente desde que o movemento independentista en Catalunya conquiriu cotas insólitas, o Estado apóiase nos resultados das balanzas fiscais para arrefriar na opinión pública as arelas da Generalitat. Non é neutral nin casual a intención do Goberno central de reducir o asunto a un único indicador –as balanzas fiscais e, ademais, cunha metodoloxía, a de carga-beneficio, que, paradoxalmente, non emprega a Unión Europea co Estado español- obviando outros elementos de xuízo como a balanza comercial, os fluxos económicos e mesmo o saldo enerxético, que no caso de Galiza teñen unha importancia crucial.
Hai, con todo, estudos máis recentes. O último, o do economista e ex deputado Xosé Díaz, As contas que nos contan, un traballo que vén de editar Sermos Galiza e que cuestiona a idea dunha Galiza “dependente” e beneficiada pola solidariedade do Estado. “Non é tal, nin moito menos”, comeza o autor. “Por exemplo, o sistema actual estima que en 2014 o custo total das competencias transferidas ascendeu a 7.043 millóns reais; mentres, os impostos soportados polo galegos chegaron aos 11.131 millóns. O que Galiza gañaría cun sistema de concerto resulta evidente atendendo a estes números”.
[Podes ler a información íntegra no número 230 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]