Democracia Ourensá seguirá apoiando Valcárcel en Barbadás: "Non se pode paralizar o Concello"

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. (Foto: Europa Press)
Daniel Rei, que explicou que ten pendente unha reunión co rexedor e o concelleiro socialista Morgade, recoñeceu que existen posibilidades de que algún grupo presente unha moción de censura.

O edil de Democracia Ourensá en Barbadás (comarca de Ourense), Daniel Rei, destacou que seguirá apoiando o actual alcalde Xosé Carlos Valcárcel tras a súa expulsión do PSdeG para "non paralizar" o Concello. Así o trasladou na tarde desta sexta feira tras manter conversacións tanto co líder de Democracia Ourensá, o alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Xácome, como co propio rexedor desta localidade.

O concelleiro explicou que, aínda que "todos os escenarios están abertos" e hai "moito ecuacións posíbeis", o "primordial nesta época" é non paralizar ao concello nunha época na que hai "moita actividade". O edil explicou que, "acordado" con Xácome, manterase o Executivo local para "garantir a gobernabilidade até que se produzan novos acontecementos".

Daniel Rei, que explicou que ten pendente unha reunión co rexedor e o concelleiro socialista Morgade, recoñeceu que existen posibilidades de que algún grupo presente unha moción de censura, un asunto que se valorará "chegado o momento".

Con todo, Daniel Rei trasladou o seu "apoio total" á vítima. "É unha situación a nivel persoal moi difícil mais pondo nunha balanza as contradicións nas que algunhas veces nos vemo os cargos públicos, teño que permitir que o Concello siga funcionando e o alcalde só non pode funcionar", manifestou.

Daniel Rei lembrou que o alcalde, que concorreu baixo as listas socialistas pero agora está fóra do PSdeG tras unha denuncia por suposto acoso laboral, foi "o máis votado" a pesar da situación na que está nestes momentos no Concello, mais "cambia ao estar só". Con todo, recoñeceu que, respectando a presunción de inocencia e tamén á vítima, o "máis sensato sería que se apartase, tamén co obxectivo que se poida defender".