O alcalde de Barbadás di que seguirá no seu cargo e deixa a porta aberta a gobernar co PP: "Tempo ao tempo"
"Se me manteño no Goberno é porque creo que podo seguir gobernando", di o rexedor.
O alcalde de Barbadás (comarca de Ourense), Xosé Carlos Valcárcel, afirmou que ten a intención de manter o seu cargo como rexedor a pesar da decisión que transcendeu esta quinta feira da saída do Goberno local de cinco concelleiros do PSdeG. Nesta conxuntura, a preguntas da prensa, non fechou a porta a pactos co PP. "Tempo ao tempo", dixo.
Así o trasladou, ás portas da sala de plenos da Deputación, e afeou que cinco concelleiras "tenten descabalgar un Goberno que foi elixido con perto de 2.000 votos".
"Se me manteño no Goberno é porque creo que podo seguir gobernando", engadiu preguntado acerca de posíbeis pactos con partidos na oposición municipal, e defendeu que o sexto edil que solicitara "estudar durante as próximas horas se continuará formando parte do grupo de Goberno", Jose Manuel Morgade, si manterá o seu cargo como concelleiro.
"Dádeme tempo para reflexionar e para xestionar o Goberno como procede xestionalo, con rigor", engadiu. Así as cousas, o rexedor ourensán pasou, tamén, ao grupo non adscritos no pleno da Deputación de Ourense, tras solicitar a baixa do grupo socialista provincial.
Pola súa parte, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, trasladou o seu "apoio á vítima", pero defendeu a "presunción de inocencia" de Valcárcel, ao sinalar que o propio rexedor "non ten coñecemento do escrito de acoso". "Canto menos, debemos esperar", engadiu.
Nesta liña, Menor sinalou que, "en todo caso", trátase dunha cuestión que "debe resolver internamente" o PSOE. "Nós somos a oposición e na oposición estamos", engadiu.