Demite a executiva do PSdeG de Lugo, partidaria da candidatura de Darío Campos para a Deputación

[Imaxe: Cadena Ser] Darío Campos

O aparato galego do PSdeG aposta no alcalde de Monforte, José Tomé.

Nin sequera os bos resultados electorais foron quen de pacificar as augas do PSdeG en Lugo. Esta segunda feira coñeceuse a renuncia en bloque da executiva provincial do partido socialista, co seu líder Álvaro Santos á cabeza.

Santos, porén, non marcha para casa, senón que fará parte do goberno de coalición que o PSdeG negocia co BNG na cidade de Lugo.

As discrepancias entre a dirección provincial e o equipo de Gonzalo Caballero veñen de vello, mais estanse a manifestar con especial crueza en relación á designación do candidato a presidir a Deputación: Santos e a súa contorna apostan na continuidade de Darío Campos, en tanto que o aparato galego do PSdeG inclínase pola opción do alcalde de Monforte, José Tomé.

Ao demitir a executiva provincial, a dirección galega terá de constituír unha xestora que pilotará o proceso de designación das e dos deputados do PSdeG na Deputación.