Unha delegación do BNG participa en Polonia na asemblea xeral da Alianza Libre Europea

Foto de familia da delegación nacionalista galega en Polonia

O nacionalismo galego está presente na asemblea xeral da Alianza Libre Europea, que decorre desde esta sexta feira 31 de marzo até este sábado 1 de abril na cidade polaca de Katowice. A delegación do BNG é do máis alto nível, encabezada pola recén releita portavoz nacional, Ana Pontón.

A ALE engloba un total de 46 organizacións e pobo do continente e na súa asemblea xeral participan máis de 200 representantes das distintas nacións europeas.

O BNG dálle a máxima relevancia institucional a esta cimeira ao desprazar a Polonia unha delegación liderada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón. Completan a representación nacionalista galega a portavoz da formación soberanista perante o Parlamento europeu, Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera; ben como o presidente da fundación da ALE Centro Maurits Coppieters, Xavier Macías, e a profesora de Economía da USC, María do Carme García Negro, proposta para integrar o consello científico de aquela entidade.

Alén de tomar parte nos traballos da ALE -que se debruzará sobre cuestións como a vixencia do direito de autodeterminación en Europa, tan en boga neste momento a conta dos referendos de Escocia e Catalunya-, a delegación do BNG ten previsto manter reunións con dirixentes de diversas formacións soberanistas, desde o Scottish National Party (Ian Hudgdton), o galés Playd Cymrum (Jill Evans), ERC (Josep-Maria Terricabras) ou a Coligazón Europea dos Pobos (Josu Juaristi, de EH Bildu).