Debate do Estado da Nación

As prioridades de Rueda: obstaculizar as baixas laborais, afondar na minaría e na eólica e rexeitar a inmersión lingüística

Alfonso Rueda, esta fuarta feira, no debate. (Foto: Álvaro Ballesteros / Eurpa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, expuxo esta cuarta feira ante o Parlamento galego na primeira das dúas sesións do Debate do Estado da Nación (DEN) a súa folla de ruta até o remate da actual lexislatura, mentres que o BNG e o PSdeG  ven o Goberno galego "incapaz" de dar solución ás necesidades dos galegos e galegas.

Alfonso Rueda fixo case unha vintena de anuncios durante a súa hora e 35 minutos de intervención no Debate do Estado da Nación (DEN) que comezou esta cuarta feira no Parlamento galego. Unha media de un anuncio case cada cinco minutos de intervención. "Este Goberno cumpriu 85% das medidas ás que nos comprometemos para estes catro anos", afirmou o presidente nada máis comezar. Tanto o BNG como o PSdeG reprocharon precisamente ao Executivo o baixo nivel de cumprimento das promesas feitas en anteriores debates. A lista de promesas e anuncios feitos polo titular da Xunta da Galiza estendéronse a diferentes cuestións, desde a vivenda até a sanidade, pasando polo ensino, a dependencia ou  incluso "a ampliación de capital de Recursos de Galiza", a sociedade denominada público-privada, na que a Xunta só posúe 30% do capital, e que Rueda quere pór como un dos motores da eólica na Galiza. Temas que xa centraran anuncios en debates anteriores.

Pero houbo un tema que o Executivo galego non levara até o de agora a un DEN e no que Alfonso Rueda se centrou esta cuarta feira: o do persoal en baixa laboral. Anunciou o presidente que nas vindeiras semanas o seu Goberno "vai presentar un programa integral de abordaxe das baixas laborais”.  O seu núcleo, dixo, “será a creación de unidades especializadas para a atención e control de baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquitaría menor, que son as máis frecuentes" e que reforzará "o papel das mutuas". Así, avanzou, "cando unha mutua realice unha proposta de alta suficientemente xustificada, a inspección sanitaria vaina ratificar e acordar a alta". Son pois medidas dirixidas a dificultar a baixa laboral en situacións que afecten a saúde mental e lesións musculares, entre as máis habituais na Galiza.

O presidente afirmou que as baixas laborais "lastran a produtividade" e fan que Galiza perda, asegurou, 2.300 millóns de euros. O titular do Goberno galego sintoniza así co discurso da patronal galega e estatal intensificado ao longo destes últimos meses sobre o "abuso" das baixas laborais ao tempo que exixían dos diferentes Executivos medidas para reducilas. O Goberno galego toma nota dese recado malia que Galiza é a segunda comunidade con menos baixas laborais en relación ao total de persoas afiliadas (27 por 1.000 fronte 37 por 1.000 no Estado) ou que a sinistralidade laboral na Galiza repuntou, cun aumento nos accidentes con baixa (+1,5%). CIG e CCOO denuncian que os recortes e privatización da sanidade, o deixamento dos empresarios ou a xornada laboral por riba da media europea contextualizan as incapacidades temporais

Rueda situou tamén como prioridade para o que fica de lexislatura afondar na minaría e os eólicos, que son para o titular da Xunta dous eixos sobre os que debe pivotar a política industrial galega. Se no seu discurso de política xeral de 2024 Altri era a cerna desa política industrial da Xunta, agora ocupan ese espazo os aeroxeradores —por terra e por mar— e as minas. “O ano pasado permitimos 20 novas prospeccións” mineiras, dixo Rueda, “e este ano lanzaremos un proxecto semellante cun alcance aínda maior". "Seguiremos apostando polo desenvolvemento da eólica terrestre e mariña", dixo, cualificándoas de "ouro verde e azul".  "Hai que falar de vivenda", afirmou tamén Rueda durante a súa intervención. Avanzou que vai voltar a aumentar o limiar de renda para acceder a unha vivenda pública, de 2.250 euros brutos mensuais para unha parella cun fillo a máis de 3.500 euros. Tamén se vai reservar 30% das vivendas públicas en venda "para as persoas de entre 36 e 45 anos".

E un Debate do Estado da Nación máis Rueda volveu anunciar que estudan reformas para Atención Primaria, un servizo na que a Xunta vén anunciando nestes anos diferentes estudos que, porén, non melloran a situación, até o punto de que Galiza é a comunidade que rexistra a porcentaxe máis baixa en satisfacción de todo o Estado en canto ao servizo de Atención Primaria, segundo o Barómetro Sanitario 2025. Fontes de profesionais da sanidade afirmaban esta duarta a este medio  que "non ten sentido" que Rueda anuncie que vai traballar  nun "novo modelo" de Primaria "cando ten nun caixón desde decembro o informe final do Consello Técnico de Atención Primaria da Galiza".

O BNG e a Galiza "que merece máis"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afrontou o DEN con dous obxectivos: evidenciar o "nefasto do legado" de 17 anos de Gobernos do Partido Popular na Galiza e situar o nacionalismo como a alternativa para esa "Galiza que merece máis e que pode máis". Pontón cualificou  Rueda como "o presidente do estancamento", un presidente que "aplica vellas receitas fracasadas" e que "empeora a vida dos galegos e galegas", que só ofrece "o espolio dos nosos recursos naturais". A nacionalista urxiu a "cambiar o modelo", dando as costas "ao lobby eléctrico e á megaminaría contaminante" e "pór a riqueza do país ao servizo do país, xusto o contrario do que fai vostede". "Galiza merece que a vivenda volva ser un dereito", dixo, e por iso, propuxo "limitar o prezo do aluguer a través da declaración de zonas tensionadas en lugar de boicotealas como fai en Santiago", e mercar até 4.000 vivendas xa construídas para polas en aluguer. A nacionalista tamén cargou contra a intención de dificultar as baixas laborais: "Vostede criminaliza os traballadores" que precisan unha baixa laboral.

O PSdeG pide "un país con rumbo"

 "Que cambiou na vida da xente nos seus catro anos de presidente e 17 que leva na Xunta?". Con esta pregunta iniciou o secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, a súa intervención, na que el propio doi dando resposta á pregunta, incidindo en que empeorara a vida dos galegos en todos os ámbitos, sanidade, educación... "É un Goberno sen rumbo nin proxecto", criticou.

Por último, Armando Oxea atacou a Rueda tanto facer unha valoración "sobrevalorada" da súa xestión como presidente como por "esuwecrse" de Ourense.

Financiamento autonómico e o Pacto pola Lingua

O presidente da Xunta da Galiza anunciou esta cuarta feira que neste semestre presentará aos grupos parlamentarios a proposta de Pacto pola Lingua que elabora o seu Goberno. O primeiro compromiso da Xunta era presentar esta proposta antes de que rematase 2025. "Somos orgullosamente bilingües", afirmou Rueda. Por que lle molesta que se fale galego,señor Rueda?", preguntoulle An Pontón na súa quenda. "Mantén o decreto da vergoña, prohibe ensinar matemáticas, física ou bioloxía en galego. Cumpra o Plan Xeral de Normalización Lingüística, o grande acordo pola lingua que rachou o PP", demandoulle. "O seu legado nestes 17 anos é o acoso á nosa lingua", acusou Pontón a Rueda. Besteiro, pola súa parte, afeou ao presidente da Xunta que "desvalorice o galego" e afirmou que "o noso idioma non é unha opción, é un dereito que debe de ser protexido".

O financiamento autonómico e a condonación da débeda tamén tiveron o seu espazo na sesión desta cuarta feira. Rueda cargou contra a quita de 4.000 millóns de euros da débeda pública galega e contra a proposta de financiamento autonómico que está a formlular o Estado. "Se aceptamos iso estamos mortos", dixo. "Perdemos 4.000 millóns de euros porque non se atreve a aceptar a quita da débeda pública negociada polo BNG. Unha débeda pola que pagamos 1.700 millóns de euros ao ano, unha débeda que vostede multiplicou mentres recorta en sanidade, educación ou vivenda", reprochoulle Ana Pontón. Pola súa parte, Besteiro pediu un "grande pacto de país para mellorar o financiamento autonómico" . "Vostede e Corgos [conselleiro de Facenda] son os únicos galegos que están en contra da condonación", concluíu.