Galiza Nova anima a mocidade a dar o paso rebelde de falar galego

Enceta unha campaña nacional en defensa da lingua galega entre a mocidade baixo o título ‘Rebélate, fala galego’.

 “Unha das cuestións que para nós é fundamental é potenciar o uso do galego entre a xente máis moza”, unha franxa de idade na que se está a “abandonar case por completo o uso do galego”. Olalla Rodil, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova e deputada no parlamento de Galiza facía estas afirmacións na presentación da campaña nacional en defensa da lingua que impulsa Galiza Nova, baixo o lema Rebélate, fala galego.

A deputada nacionalista remarcou que, embora esta situacvión, é posíbel reverter a situación, asegurando que “a única maneira de manter viva a nosa lingua e falala día a día”.

Pola súa banda, Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova, explicou que con esta campaña pretenden incidir en que “dar o paso de falar galego no contexto actual é un grande feito de rebeldía”. A intención desta campaña e achegar o galego a todas as mozas e mozos, para o cal realizarán unha campaña de concienciación por vilas e cidades de todo o país, onde levarán un photocall “animando á xente a falar galego”, ademais de realizar repartos informativos e actividades con figuras destacadas da cultura galega.