Auséntanse do máximo órgano de dirección

Os críticos de En Marea non recoñecerán os resultados sen unha “auditoría independente”

Candidatura Entre Todas de En Marea. Foto: cedida.

A candidatura crítica de En Marea, derrotada nas eleccións internas ao Consello das Mareas a pasada fin de semana, non participará este sábado na constitución do órgano de dirección. Tampouco recoñecerá os resultados “mentres non se realice unha auditoría independente dos mesmos”.
 

“Entendemos que dende a suspensión do proceso electoral se impuxo un auténtico estado de excepción en que se violentaron os acordos do Plenario do 27 e outubro”, sinala a candidatura Entre Todas, liderada por David Bruzos, “e houbo unha suspensión de dereitos fundamentais en En Marea”. Malia estas consideracións, os críticos -agás Esquerda Unida, que se descolgou por entender que non habñia garantías de limpeza no proceso- chamaron maioritariamente á participación nas votacións que finalmente foron a fin de semana previa á Noiteboa.

 

Venceu a candidatura oficialista, encabezada polo portavoz Luís Villares e apoiada por pequenas mareas municipais, o grupo Cerna -procedente dunha escisión de Anova- e unha parte de Anova, ademais de por cargos como a deputada no Congreso Alexandra Fernández ou a europarlamentaria Lidia Senra.

 

Os críticos, pola súa banda, axuntaron Podemos, a maior parte de Anova, Esquerda Unida ou Compostela Aberta, Marea Atlántica da Coruña e Ferrol en Común. Son estes os que este sábado remitiron un comunicado en que afirman que descoñecen “as auditorías realizadas sobre o censo que serviron de coartada para modificar o calendario electoral aprobado no Plenario”. “Con ese movemento de dubidosa limpeza democrática modificouse a composición do comité electoral e mudou a empresa encargada do proceso electoral e a auditoría dos resultados”, sinala.

 

Entre Todas considera “máis necesario ca nunca” un exercicio de transparencia “para que as inscritas poidan coñecer que se fixo” e acusa a Coordinadora en funcións de actuar “para beneficiar a candidatura encabezada por Luís Villares”.

 

O comunicado dos críticos, publicado ao mesmo tempo que o Consello das Mareas iniciaba a súa constitución sen a súa presenza -correspóndenlles 14 dos 35 postos-, remata advertindo que, mentres non haxa auditoría independente, “non lexitimarán unha farsa cargada de malas prácticas e comportamentos nada democráticos que van en contra dos principios fundamentais de En Marea”.