A cota galega no goberno de Pedro Sánchez
Nadia Calviño, á fronte de Economía, e Pilar Cancela, sen carteira confirmada, fan parte do executivo socialista.
Vanse debullando os nomes dos ministros que van facer parte do novo goberno español, presidido por Pedro Sánchez, nun pinga a pinga que esta cuarta feira –segundo os medios da capital do estado- serán anunciados oficialmente. E xa hai dous nomes galegos, ambos os dous de mulleres.
O nome que si se confirmou esta terza feira foi o de Nadia Calviño (A Coruña, 1968), até agora directora xeral de Orzamento da Unión Europea. Un nomeamento que ten unha chiscadela a Bruxelas de que o novo goberno non vai afastarse da doutrina da UE en materia económica.
Nos vindeiros días iranse debullando nomes de cargos de confianza política para ocupar os seguintes escalafóns da administración do Estado - por volta de mil persoas, unha listaxe na que de certo tamén haberá nomes de galegos e galegas.
Mentres, o novo presidente español continúa a completar a primeira liña do seu executivo. Un goberno no que o número 2 será para Carmen Calvo, vicepresidenta e ministra de Igualdade, e Exteriores recaerá en Josep Borrell, militante do PSC mais moi significado nos últimos tempos pola súa hostilidade ao soberanismo catalán.
Teresa Ribera, ministra de Medio Ambiente; María Jesús Montero, ministra de Facenda; José Luis Ábalos, ministro de Fomento; ou Meritxell Batet, ministra de Administracións Públicas, son outros dos nomes dese goberno.