Feijóo acusa a oposición de non representar @s galeg@s e di que con el Galiza ''ten futuro''

Seguimos ao minuto a sesión de control ao goberno galego Pleno no Parlamento de Galiza. Feijóo negou que houbese agora máis emigración e paro que "co bipartito" e asegurou que @s galeg@s confían no PP e por iso o votan. BNG, AGE e PSdeG atribuíron ao presidente da Xunta ser responsábel do peor quinquenio na historia do país.

Pleno do Parlamento de Galiza ás 10:00 horas con sesión de control ao executivo de Núñez Feijóo. Aquí informarémoste ao minuto:

 

10:45: O presidente da Xunta abandona o Pleno, finalizada a sesión de goberno, e sen escoitar o resto das intervencións e propostas.

10:40. Núñez Feijóo. "Eu traballo por Ferrol, vostede vive a conta de Ferrol", dille Feijóo a Díaz. Como é habitual no presidente da Xunta cando debate con Yolanda Díaz, saca a cuestión 'de Andalucía' para falar do escándalo de EREs, entre outros. 

10:37. Yolanda Díaz (AGE). Replica a Feijóo: "Se ten valor, veña á miña cidade, Ferrol, e dígalle á xente que hai traballo". Acusa o presidente da Xunta de querer facer boa a máxima goebbeliana de que unha mentira repetida mil veces faise verdade.

10:33. Núñez Feijóo. "Vostede non é de fiar", replica o presidente a Díaz. Como cos portavoces anteriores, nega os dados e di que non son reais. Insiste en que a situación era peor "co bipartito" e pregúntase a que vén que defenda Díaz aquel goberno. "Queren un tripartito?". Núñez Feijóo di que o sector conserveiro está agora mellor, igual que o da automoción e o da pesca. "Agora hai un banco en Galiza, malia que non lle goste o PSOE".

10:30. Yolanda Díaz (AGE). "É vostede un profesional. Debería adicarse ao teatro dramático. Velo actuar é para poñerse a chorar". Lembra a viceportavoz de Alternativa as promesas de Feijóo como líder da oposición e a realidade actual. "Vostede dixo que ía arranxar o do paro en 45 días. Tivo máis de 1.000 para facelo e o que conseguiu foi que aumentase en máis de 100.000 persoas". Acusa a Feijóo de aumentar a débeda até o 16% do PIB.

10:26. Núñez Feijóo. "Se vostede é un patriota, señor Jorquera, fale do problema da demografía e non invente sobre mozos que emigran. Emigraban máis cando vostedes gobernaban". Feijóo pregunta a Jorquera se a súa proposta "é unha Galiza independente" e dí que os galegos "non vamos votar iso, nunca imos votar unha República de Galiza. Iso non vale nin para aquí nin para ningures". O presidente da Xunta di lamentar "como galego" que o BNG vaia coligado con Bildu. "Non nos representan".

10:23. Jorquera (BNG). "Está o Instituto Nacional de Estatística manipulado polo BNG?" pregunta Jorquera, sinalando que os dados que Feijóo considera falsos son os ofrecidos por este organismo oficial español. O portavoz nacionalista saca a debate a corrupción no PP: "Por que mira sempre para o outro lado?", pregunta. "Gústelle ou non. Para o benestar da xente, para a economía, para Galiza.. estes cinco anos foron o quinquenio negro da historia do noso país".

10:19.Núñez Feijóo. "Nin os españois nin os europeos están mellor que hai cinco anos". O presidente afirma que "se fixeramos caso ás súas propostas, hoxe Galiza sería unha das comunidades rescatadas, sen solvencia". Insiste que Galiza é dos territorios con menos emigración e di que en 2007 "co bipartito" era cando emigraba máis mocedade. "Hoxe temos más futuro. Os galegos non lles botan de menos".

10:16. Francisco Jorquera (BNG): O portavoz parlamentar nacionalista lembra que desde 2009 "duplicouse o número de fogares nos que non entra ningún ingreso: 30.000". Sinala que "no noso país hai 120.000 persoas en situación de pobreza severa, esa é a realidade". "Leva 5 anos gobernando a Xunta. As súas políticas non teñen nada a ver coa situación?". O portavoz do BNG na Cámara fai un relatorio de temas (caixas, sector eléctrico,...) no que Galiza saiu damnificada nestes anos: "Con vostede como presidente, todos os sectores económicos galegos entraron en barrena".

10:13. Núñez Feijóo. "Non se crea que por dicir dados falsos, estes van ser realidade. Os galegos foron os que menos emigramos no 2012, por exemplo". Feijóo di que neste ano hai menos paro que cando comezou a lexislatura. "Hai máis futuro agora que cando no 2009 vostedes sairon do goberno de Galiza".

10:10. Méndez Romeu: "Señor Feijóo, o país está en declive, esmorecendo.Vostede ten maioría absoluta, exérzaa. Destitúa a ese goberno incompetente e nomee persoas que coñezan a realidade". Fai un relatorio de diferentes sectores (lácteo, pesca, vivenda, industria...) na que, afirma, a Xunta nada fixo.

10:07. Núñez Feijóo: "Os galegos xulgaron con moita claridade a nosa primeira lexislatura. Déronnos de novo a maioría e con máis escanos". O presidente da Xunta di que "nos toucou xestionar a peor crise da historia".

10:03. Méndez Romeu (PSdeG): "Señor presidente, a maioría das persoas de Galiza viven peor hoxe por mor das súas políticas". O portavoz parlamentar d@s socialistas expón dados que mostran que" por primeira vez na historia de Galiza ter un posto de traballo non garante nin sequer fuxir da pobreza". Roumeu acusa a Feijóo de recurtar 1.800 millóns de euros en políticas sociais. "Cal é a súa valoración, señor presidente?".