Seis concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal procurarán unha alternativa mancomunada a Sogama

[Imaxe: Concello de San Sadurniño]

Así o acordaron os rexedores de Narón, San Sadurniño, As Pontes, Cariño, A Capela e Mugardos na xornada de traballo desenvolvida esta terza feira. 

 

Os alcaldes destes seis concellos decidiron esta terza feira, reunidos en San Sadurniño, que encetarán os traballos técnicos para procuraren unha alternativa ao modelo de xestión de residuos desenvolvido por Sogama. 

O acordo alcanzado polos seus rexedores, ao que previsibelmente se sumarán tamén os gobernos de Ares e Monfero, suporá a creación dunha comisión de traballo conxunta na que persoal técnico de Narón, As Pontes e San Sadurniño estudará posíbeis alternativas á incineración que sexan, explicaron, "máis viables economicamente e máis sustentables ambientalmente e socialmente". Mais non só. O obxectivo deste grupo será tamén, explicou José Blanco, rexedor de Narón, "conectar" as iniciativas que se vaian desenvolver coas doutros concellos de Galiza para chegar a unha solución "que poida ser viábel para todos". 

Neste senso, a proposta é a resposta non só ao incremento nun 34% do custe actual do servizo ofrecido por Sogama, senón tamén a resposta a un "modelo esgotado" desde o punto de vista ecolóxico, asegurou Secundino García, rexedor de San Sadurniño. Este alcalde do BNG denunciou os incumprimentos da planta de Cerceda en materia de xestión de residuos. "[Sogama] está cobrando por un servizo que non nos está prestando, xa que nos cobra por soterrar o lixo coma se o estivese tratando". 

San Sadurniño non pagará o novo canon

A respeito da primeira factura co novo prezo, remitida por Sogama nos últimos días, a algúns dos concellos, as decisións adoptadas polos gobernos locais son dispares. Entrementres Narón avanzou que trasldará o custo aos petos da veciñanza --o que suporá 300.000 euros anuais a maiores-- San Sadurniño avanzou que non pagará o incremento de acordo co fixado no contrato que asinou o concello con Sogama e no que tan só se fixa unha suba máxima ao ano parella ao IPC. 

Segundo adiantou Secundino García, o concello "ten dereito a esixirlle a SOGAMA que non cobre máis que o que pon o contrato". A este respecto, García apuntou que a factura correspondente ao mes de marzo xa pasou á intervención municipal para que emita os informes correspondentes, algo que tamén están a facer noutros concellos do país como Monforte.