Concellos do BNG pulan por unha reforma do actual financiamento, por discriminar os municipios galegos

Rede municipal BNG

Ana Pontón considera “prioritario” modificar o actual modelo. A portavoz reuniuse cos 'concellos en rede por Galiza', do que fan parte uns 40 municipios con presenza nacionalista nos gobernos.

'Concellos en rede por Galiza', que integra os perto de 40 municipios onde goberna ou co-goberna o BNG, volveu manter unha xuntanza, a primeira con presenza da nova portavoz do Bloque, Ana Pontón. Unha reunión na que se puxeron sobre a mesa diferentes cuestións, desde o 'catastrazo' no rural até a ordenanza da lingua nos concellos. Mais o tema principal foi o do sistema de financiamento actual, un modelo “discriminatorio” para cos municipios galegos, en palabras de Ana Pontón. O alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, anunciou que os municipios nacionalistas van pular porque a Fegamp se implique en facer unha proposta ao respeito. “Con técnicos e expertos, de concellos e universidades” elaborar unha alternativa, “na que os concellos participemos activamente” que permita “correxir os agravios cos municipios galegos”.

Os concellos galegos reciben unha media de 50 euros menos por habitante que a media estatal

A portavoz nacional considera “urxente” facer esa reforma. “Debe ser unha prioridade”, indicou, pois o actual sistema “discrimina claramente os cidadáns de Galiza”. Puxo como exemplo, que en 2016, dos máis de 11.000 millóns de euros cos que zse dispón para o reparto, os concellos de Galiza recibirán apenas 550 millóns, un 5,5%. “Só en poboación representamos o 6,5% do Estado”, sinalou. Cómpre lembrar, que nalgúns estudos sinálase que Galiza recibeu en 2015 un anticipo medio de 210 euros/habitante, mentres Madrid 350 euros e Catalunya 320.

Evencio Ferreiro lembrou que Galiza presenta unha serie de peculiaridades que non se teñen en conta á hora de repartir os fondos. Como a dispersión da poboación ou o seu avellentamento, co que iso implica á hora de prestar servizos. “Os concellos galegos temos que trasladar ao Estado a necesidade de reestruturar os fondos”, apontou o rexedor do Carballo.

Alianza de cidades

O sistema actual non prexudica só municipios pequenos ou medianos, senón que afecta tamén ás cidades de Galiza. Así o expuxo Pontón, ao sinalar que co modelo vixente Compostela perde 5 millóns de euros e Pontevedra, 4 millóns. As seis principais cidades de Galiza (que en poboación suman máis dun millón de habitantes) receben o mesmo que Málaga (que anda no medio millón). Para a portavoz nacionalista, isto debe de mudar, máxime nun contexto de crise no que foron os concellos os que asumiron e fixeron fronte a moitas situacións de emerxencias sociais. Por iso, Ana Pontón fixo un convite a unha “alianza” entre as seis principais urbes para pular decididamente por cambiar o modelo de financiamento

Competencias

Na xuntanza tamén se tratou a sentenza do Tribunal Constitucional contra a coñecida como 'Lei Montoro', que invadía competencias autonómicas para recortar os concellos. Unha norma “centralista” perante a que, lembrou Ana Pontón, Feijóo non actuou, malia invadir competencias galegas. A resolución xudicial é “unha oportunidade” para recuperar o Pacto local galego, suscrito hai case unha década, “e asumir os compromisos pendentes”.