O Concello de Santiago estuda reclamar a designación da Coruña como sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial

Rolda de prensa de Xosé Sánchez Bugallo en Santiago. (Foto: Europa Press)
Xosé Sánchez Bugallo puxo en dúbida os criterios da Xunta para tomar esta decisión.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, cuestionou esta segunda feira os criterios fixados pola Xunta para decidir apoiar a candidatura da Coruña como futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).

En declaracións remitidas aos medios tras coñecerse a resolución do Nodo GalicIA (Nodo Galego de Intelixencia Artificial) -órgano encargado de escoller a mellor candidatura-, Bugallo recalcou que este órgano está formado "en dúas terceiras partes" por integrantes do Goberno galego, mentres que o outro terzo eran os reitores das tres universidades públicas.

"Non temos coñecemento aínda de cales foron os criterios seguidos. O que si podo manifestar é que con todos os datos que manexamos e todas as estimacións que fixemos, saía con absoluta claridade que a opción gañadora debería ser Santiago", subliñou o rexedor socialista.

Na súa intervención, Bugallo tamén abriu a porta a unha posíbel reclamación, ao dar a entender que o Concello prevé formular alegacións á decisión.

Ademais, Bugallo criticou que a Xunta estabelecese máis de 200 indicadores propios que eran "distintos" aos criterios deseñados polo Goberno español para levar a cabo o proceso de selección final. "Non tería sentido gañar a carreira na Galiza e logo perdela no Estado español", advertiu.

Candidatura por libre

A decisión comunicada esta segunda feira polo Executivo de Alfonso Rueda só implica que a candidatura da Coruña será a que reciba todo o apoio da Xunta da Galiza.

Porén, isto non quere dicir que outras cidades -ademais de Santiago, Ourense tamén presentara as súas credenciais para acoller a sede da Aesia- poidan presentar a súa candidatura por libre, xa que o Goberno estatal tamén acepta que sexan as corporacións municipais as que se postulen formalmente.

Neste sentido o Goberno local de Santiago ten previsto reunirse o vindeiro 31 de outubro con axentes sociais e representantes dos diferentes grupos políticos do Consistorio compostelán, co obxectivo de avaliar a resolución da Xunta e adoptar a decisión que consideren "oportuna".