Compromiso por Galicia reclama “unidade de acción”
“O galeguismo que flúe” foi o lema elixido por Compromiso por Galicia para celebrar o Día da Patria Galega cunha ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres e cun xantar e mais un acto político en que se reivindicou a “unidade de acción”.
Compromiso por Galicia conmemorou o Día da Patria Galega coa tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres. Un roteiro polo “Santiago galeguista” deu paso ao xantar e acto político no parque de Eugenio Granell, desde onde Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral da organización política, reclamou “unha unidade de acción pola nación galega”.
Piñeiro referiuse aos resultados nas últimas citas electorais como “unha forte hemorraxia” e cualificounos como “malos para Compromiso e tamén para Galicia”. "Mais non nos rendemos na acción política galeguista, toca seguir traballando, toca perseverar e renovar o votos para con Galicia, ese é o senso desta festa”, sinalou.
Nesta liña, o secretario xeral de CxG apostou nunha “Galicia mellor no social e forte no económico”, “nunha Galicia con autogoberno e con políticos ao servizo da xente e non dos partidos”.
Criticou BNG e En Marea por non asinar un acordo con Compromiso nas eleccións estatais e avogou por seguir “loitando por unha nación referente no ecolóxico e na igualdade, como xa foi a cultura castrexa”. “Unha opción de maiorías sen dogmas e sen que o peso ideolóxico sexa prioritario. Cómpre unha unidade de acción pola nación galega, imos traballar iso”, salientou.
Antes de concluír, cargou contra o PSOE, a quen acusou de ser “centralistas sen complexos” e contra “a súa muleta”, que “terá que explicar o 155 e 135 da Constitución”. Rematou chamando a “renovar os votos con responsabilidade e traballo para ocupar o espazo que nos corresponde”.