Compromiso critica que nas negociacións de investidura “ningunha forza” defenda Galiza.

Xoán Bascuas

“Estase evidenciando que ninguén pon enriba da mesa os intereses de Galiza, pero si os doutras Comunidades Autónomas”, afirma o secretario xeral da formación galeguista, Xoán Bascuas.

Compromiso por Galicia critica que nas negociacións para formar goberno no Estado español “ningunha forza defende os dereitos e intereses da cidadanía galega”. Unha crítica que fai por boca do seu secretario xeral, Xoán Bascuas, que afirma que o noso país “non importa nas negociacións”. Para Bascuas está a ser evidente que “ninguén pon riba da mesa os intereses de Galiza”, mais si, engade, que se están a poñer os doutros territorios do Estado. Unha situación que evidencia para os galeguistas “a necesidade” dunha forza como Compromiso , “con capacidade de diálogo en Madrid para defender os dereitos e os intereses da cidadanía galega”.

Embora esta crítica, no comunicado de CxG só se nomea dous partidos, PSOE e Ciudadanos, como albo das críticas. Diríxese “os galeguistas” do PSOE para dicirlles que “parece que non son máis que unha imaxe para sacar en procesión nas ofrendas a Castelao, e nada máis”. A Ciudadanos critícaos indicando que “os únicos intereses de Galiza que parece que hai que defender en Madrid é a rebaixa do IVE ás orquestras”.