Compostela prepárase para ser a primeira cidade galega en aplicar unha taxa turística

Reunión que mantiveron esta cuarta feira 16 de xullo membros do Goberno local de Compostela con representantes do sector hostaleiro da cidade. (Foto: Nós Diario)
Concello e hostaleiros ultiman a recadación a partir do 1 de agosto.

O Goberno local de Santiago reuniuse esta cuarta feira pola tarde con 208 hostaleiros e hostaleiras da cidade para abordar a aplicación da taxa turística a partir do 1 de agosto. As cuestións técnicas arredor da recadación do tributo xerou incertezas entre algúns dos profesionais do sector, e esta cuarta feira a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; o de Facenda, Manuel César; o tesoureiro municipal, Carlos Moure, e técnicos do Concello acordaron nun encontro de máis de tres horas no edificio Cersia de Santiago, concederlle “un tempo” ao sector para informar e actualizar os procesos técnicos e aplicacións precisos para a posta en marcha do cobro desta taxa.

Segundo dixo Míriam Louzao ao remate do encontro, “entendemos” o que formularon os máis de 280 establecementos da REAT convocados á reunión, e “valoramos estabelecer unha data mais acaída que conxugue a entrada en vigor canto antes desta taxa pero dándolle tamén marxe aos establecementos”. Tal e como fixeran xa nas alegacións presentadas na tramitación da ordenanza, o sector pediu que a normativa non entre en vigor ao día seguinte da súa publicación do Boletín Oficial da Provincia (BOP) e reclamaron unha marxe para adaptar os seus rexistros e aplicacións informáticas ao cobro da taxa.

Desde o Concello, os técnicos comprometéronse a “simplificar no posíbel” a entrega de documentación e as autoliquidacións cada seis meses, e estudarán tamén as declaracións responsábeis precisas para as exencións da taxa, con modelos a dispor dos establecementos no portal municipal de transparencia. Lembraron tamén os técnicos que a taxa, cando entre en vigor, afectará a todas as estadías, independentemete da data de reserva das mesmas

A aplicación da taxa na práctica

Logo de lograr que a Xunta da Galiza regulara por lei a finais de 2024 a aplicación desta taxa, o Executivo da alcaldesa Goretti Sanmartín aprobou unha ordenanza municipal para a súa aplicación. Coa entrada en vigor da taxa, Santiago será a primeira cidade galega en aplicala. A taxa gravará con entre 1 e 2,5 euros por día por servizo de aloxamento, con ou sen noitada, segundo o tipo de estabelecemento, e até un máximo de cinco días por estancia. Estarán exentos do abono deste imposto os deportistas federados que se aloxen na cidade por motivos profesionais ou aquelas persoas que o fagan por razóns médicas. Segundo os cálculos do edil de Facenda, Manuel César Vila, 80% da recadación pola taxa estará destinado -vía autoliquidacións semestrais- a investimentos en promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sostíbel.

En toda Europa, e nomeadamente en Portugal, esta taxa turística leva décadas vixente, e son moitos os galegos e as galegas que acoden cada ano a establecementos hostaleiros do país veciño e abonan o imposto nas facturas dos hoteis, especificado e explicado por cada estabelecemento e que oscila dependendo da zona entre os 4 euros de Lisboa e os 2 de Póvoa de Varzim.

A ordenanza

O pleno d Concello aprobou a ordenanza para aplicar a partir do 1 de agosto a taxa. O BNG, Compostela Aberta, o PSdeG e os Non Adscritos aprobárona. O PP abstívose na votación.

Unha recadación millonaria para a capital galega

O Concello de Santiago foi o pioneiro. Segundo as estimacións da Concellaría de Facenda compostelá en canto empece a aplicarse esta taxa recadará ao ano arredor de 3 millóns de euros. A Coruña aprobou en xuño a ordenanza para aplicar tamén unha taxa turística na cidade, unha taxa similar á de Compostela, de entre 1 e 2,5 euros por persoa e noitada -segundo o tipo de establecemento- que está a tramitar o concello para a súa posta en marcha. Son xa varios os concellos que avanzaron a posíbel posta en marcha da taxa. É o caso dos de Bueu e Caldas de Reis, O Grove, A Illa, Portomarín ou Foz e no caso do concello de Sanxenxo o Goberno local “non o desbota”. Vigo podería recadar case 2 millóns de euros ao ano aplicando esta taxa, atendendo ás súas noitadas e prazas hoteleiras. O alcalde, Abel Cabaleiro, non tomou aínda a decisión.