Compostela e O Grove únense para demandar que a Axencia Tributaria da Galiza recade a taxa turística

Miriam Louzao, Goretti Sanmartín e José Antonio Cacabelos. (Foto: Pazo de Raxoi)

Sanmartín afirma que a Xunta "aínda está a tempo" de "reconsiderar" a súa postura e Cacabelos ve necesario que senten Goberno galego e Fegamp

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, mantiveron esta quinta feira un encontro no Pazo de Raxoi para trasladar o traballo realizado sobre a implantación da taxa turística nos seus respectivos concellos e após o que coincidiron en demandar á Xunta daGaliza que "reconsidere" a súa posición e que sexa a Axencia Tributaria da Galiza (Atriga) quen xestione este imposto, ademais de pedir ao Goberno galego "máis debate" sobre o gravame.

En declaracións aos medios após a xuntanza, a rexedora compostelá insistiu en que esta non é unha cuestión "única" da capital galega e volveu reprochar que esta lei se incluíse na lei de acompañamento aos orzamentos. "Eu non podo deixar de dicir unha vez máis que non nos parece o máis adecuado que se incluíse xustamente este debate que debería ir nunha lei específica con tempo suficiente para que tamén os distintos grupos se posicionasen, para que se puidese falar co sector e tamén para que se lle dea voz ao conxunto dos concellos do país, porque esta non é unha cuestión única de Santiago de Compostela", apuntou.

Así, sinalou que, aínda que Compostela ten "as súas singularidades", este é un tema que "inflúe en moitos outros concellos". Tamén criticou o contido definitivo que aparece en "esa emenda do PP" porque non recolle "un procedemento que era lóxico": "Que a Atriga, que podía, de maneira clara, reservando unha porcentaxe para o que significa de gastos de xestión e de recadación, facer a recadación, e logo pasar unha porcentaxe importante deses ingresos aos concellos afectados".

Pola súa parte, o alcalde do Grove, que subscribiu o avanzado pola alcaldesa da capital galega, manifestou que se trata "dun problema profundo", que é "un problema de financiamento de Administración local".

En todo caso, Cacabelos explicou que tanto os turistas como a veciñanza demandan ao Goberno local "máis calidade e excelencia nos servizos", lembrando que nas épocas estivais municipios como O Grove poden "cuadriplicar a poboación habitual".

"Isto significa claramente un incremento dos custos dos servizos que temos que ofrecer, limpeza de rúas, mantemento de zonas verdes, seguridade, mantemento das praias, limpeza das praias, infraestruturas, socorristas, recollida de lixo, custos enerxéticos do bombeo de auga polo alto consumo de auga etc.", detallou.

Nesta liña, o rexedor puxo en valor que o Concello de Compostela "abre un camiño" para que se adhiran outros concellos como O Grove, que xa avanzou que solicitará esa taxa turística, aínda que lamentou que a localidade do Salnés, "máis pequena estruturalmente e en conto a recursos humanos", pode ter "dificultades na tramitación".