Compostela aprobará uns orzamentos récord de 146 millóns: o PSdeG facilitará as contas
O Goberno local compostelán poderá sacar adiante os orzamentos municipais de 2025 esta quinta feira logo de ter obter o compromiso do PSdeG de que non os obstaculizaría. A formación da rosa decidirá na tarde desta cuarta feira se opta pola abstención ou polo voto a favor.
Así o comunicou xa o Partido Socialista ao Goberno da alcaldesa Goretti Sanmartín (BNG), dando por descartado un 'non'. O Executivo local xa tiña asegurados cun 'si' os seis votos do BNG, o dous de Compostela Aberta e os catro das concelleiras e do concelleiro que o PSdeG expulsou. Previsibelmente, votará en contra o grupo municipal do PP, composto por 11 edís.
O orzamento do Concello de Compostela para 2025 ascende 1,2% de cara ao presente exercicio, alcanzando un total de 146 millóns de euros, dos que 13 millóns dedicaranse "aos grandes proxectos da cidade". Nas contas hai cinco grandes áreas que abordan o respaldo financeiro de cuestións como o modelo de xestión do ciclo da auga, a licitación do servizo de transporte público urbano ou a comarcalización do parque de bombeiros.
Nos orzamentos ademais medrarán os fondos que se destinan aos Bonos Corazón ou ao impulso da vivenda pública na localidade, cun mercado tensionado especialmente pola proliferación de vivendas turísticas e a demanda habitacional.
O Goberno local compostelán fixo nestas últimas semanas un especial esforzo de negociación coas contas públicas, diante dos problemas internos que hai meses vive o grupo municipal socialista. Este está dividido entre os dous concelleiros apoiados pola dirección local do PSdeG, Sindo Guinarte e Marta Abal, e os outros catro socialistas cun expediente de expulsión aberto polo partido a nivel estatal despois de desobedecer a dirección local do partido, liderada por Aitor Bouza, que os obrigaba a nomear voceiro municipal Guinarte en lugar de Gonzalo Muíños, e todo tras a crise por desobedeceren Bouza e votaren a prol do decreto do Executivo municipal que buscaba limitar a proliferación de vivendas turísticas.
Esta quinta feira pois será o pleno municipal que validará definitivamente as contas de Compostela para este exercicio e permitirá a posta a disposición dos 146 millóns de euros cos que o Goberno de Sanmartín afronta os retos para a cidade no seu programa de Goberno durante este ano.
O proxecto orzamentario elaborouse sen incluír nel unha suba de impostos en ningún ámbito, ao tempo que si contempla unha “maior recadación” tras efectuar medidas de eficiencia e control con revisión do padrón de varios tributos e, tamén, grazas á posta en marcha do imposto de estancias turísticas, que permitiría recadar uns 2,6 millóns de euros neste ano.