Primarias de En Marea

O Comité Eleitoral rexeita a impugnación de QP e eleva a definitivos os resultados provisorios

Primarias En Marea

O Comité Eleitoral resolveu non aceitar as alegacións de Queremos Participar e proclamou como definitivo o reparto de postos no Consello das Mareas segundo o cal Máis Alá terá 21 asentos, Somos Quen, 9 e a candidatura impulsada por Cerna, 5.

Queremos Participar alegaba na súa impugnación que o comité eleitoral non utilizara unha regra de proporcionalidade pura para atribuír os postos no Consello das Mareas en función dos resultados tidos polas distintas candidaturas nas primarias decorridas esta fin de semana. Segundo QP, o comité eleitoral mesmo utilizaba normas propias da Lei D'Hont.

De acordo co modelo matemático utilizado por QP, o reparto debería ser 20 postos para a candidatura oficial, 9 para Somos Quen e 6 para a candidatura encabezada por Consuelo Martínez.

Os argumentos de QP foron desestimados polo comité eleitoral, que eleva a definitivos os resultados provisorios das primarias.

O Consello das Mareas realizará este sábado a súa reunión constitutiva. A súa primeira tarefa será elixir a Coordenadora Nacional, o máximo órgao executivo da confluencia.