A comisión de investigación das caixas suma outro ano en branco

O ex director xeral de Caixa Vigo, José Luis Pego; o ex presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela; e o ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, en xuño de 2017 (Foto: Europa Press)
Desde decembro de 2020 permanece sen actividade para investigar como se asignaron as indemnizacións millonarias aos directivos que gobernaran Caixa Galicia e Caixanova, a súa fusión e o proceso de bancarización.

A XI Lexislatura do Parlamento de Galiza arrincou o verán pasado no Pazo do Hórreo sen resolver un dos asuntos que, no seu día, levaron os ex directivos das caixas de aforro a comparecer na Cámara. Un ano despois da reactivación da comisión, o expediente mantense practicamente en branco e os grupos non pactaron nin o calendario de actuación.

Xusto agora hai un ano que se rexistraron as primeiras iniciativas para a reactivación da comisión de investigación para pescudar como se asignaron as indemnizacións millonarias aos directivos que gobernaran as entidades así como o proceso de fusión de Caixa Galicia e Caixanova e a súa bancarización e conversión en Novagalicia Banco, a entidade que finalmente comprou o propietario venezolano de Banesco e que opera en Galiza baixo a marca Abanca.

Tras pórse de acordo en fusionar as dúas peticións, de BNG primeiro (29 de setembro) e pouco despois a do PPdeG (9 de outubro), o 20 de outubro de 2020 o pleno da Cámara volveu aprobar, por unanimidade, a creación da comisión de investigación, mais até mes e medio despois non se reuniu por primeira vez para constituírse. Desde aquel 11 de decembro non houbo noticias.

Concretamente, o acordo consistiu en crear unha comisión de investigación para "analizar a evolución económico-financeira" das antigas caixas de aforros e as "causas e responsabilidades da súa transformación en bancos", incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos co fin de terminar os traballos realizados na IX e X lexislaturas que, sen avances, seguen pendentes de conclusión.

A comisión abriuse, así, por terceira vez nas últimas tres lexislaturas. O 11 de decembro, baixo a presidencia do xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, mantivo a súa primeira e única reunión, que serviu para constituírse e, entre outras cuestións, designar o popular José Manuel Rey Varela presidente deste órgano.

O portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, asegurou na altura que "moitas comisións" deste tipo "non chegaron a resultados", e que a prioridade dos populares era sacar adiante os orzamentos e as conclusións da comisión de reactivación económica, social e cultural. O BNG confiou en que o PP non metese "no conxelador" a comisión, mais nin nacionalistas nin socialistas introduciron ningunha petición formal para reunirse tampouco.

Fusión e comisión de investigación

As caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova, fusionáronse no ano 2010 en NovaCaixaGalicia, mais esta entidade acabou nun proceso de bancarización que a transformou en Novagalicia Banco en 2012, para acabar vendida a venezolana Banesco en 2014, cun negocio que se desenvolve baixo a marca Abanca.

En rigor, trátase do cuarto intento de investigación, posto que se hai que remontar ao verán de 2012. Cando xa se falaba das eleccións ao Parlamento, o pleno extraordinario do 2 de agosto aprobou a creación dunha comisión de investigación das caixas que non pasou de aí, xa que a Cámara se disolveu apenas unhas semanas despois para convocar os comicios.

Na IX legislatura desenvolveuse o groso dos traballos mais acabou sen informe e na X só se chegou a constituír e non se avanzou tampouco no documento final.