Coa cría de boi Allariz xera emprego, produce calidade e evita os lumes
O boi é todo un símbolo de Allariz e protagonista da súa maior festa popular. Mais desde hai seis anos, o boi tamén é unha iniciativa pioneira do concello que, apostando pola súa crianza, está a xerar emprego, produce carne de calidade e mantén a superficie forestal limpa para evitar incendios.
O Concello de Allariz volve ser pioneiro, neste caso coa crianza do boi. O animal, símbolo da vila e auténtico protagonista da súa gran festa popular, é tamén obxecto dunha iniciativa singular impulsada desde o concello modelo do BNG e que goberna sen interrupcións desde a revolta de 1989.
Así é que Allariz desde hai seis anos cría bois en superficies forestais que se atopaban en situación de abandono. Ademais, con esta carne reforza a marca de calidade de Allariz e mantén un monte activo e limpo co que logran non ter lumes alén de focos ocasionais que conseguen apagar rapidamente.
A cría de boi axuda a manter un monte activo e limpo, co que logran non ter lumes
A idea comezou hai seis anos, mais bebe dunha outra iniciativa que o nacionalismo xa impulsara desde o concello hai dúas décadas, cando arrincaran o programa de recuperación de superficie agraria e forestal abandonada, dentro dun proxecto de desenvolvemento de todo o territorio para poñelo a producir, xerar emprego, activar a economía e previr incendios.
Hai seis anos chegou o novo proxecto coa cría de carne de boi
E hai seis anos chegou o novo proxecto coa cría de carne de boi. Críanos durante cinco anos e abastecen a hostalaría local, axudando a fortalecer unha economía circular. Agora mesmo contan con catro explotacións e 56 bois, e o obxectivo a medio prazo sinala Cristina Cid que está na exportación de boi de Allariz.
Os resultados máis visíbeis que desde a Alcaldía se sinalan son o emprego directo xerado nestas explotacións, os postos de traballo que se crean a maiores ligados ao sector primario, a recuperación de superficies forestais e o medre da actividade hostaleira ligada a este sector.
A marca de calidade de Allariz
O concello conta cun regulamento onde se especifica todo o relacionado coa crianza do boi e a comercialización co obxectivo de garantir que o que se vende é boi de Allariz.
“Decidimos poñer no mercado produtos que teñen unha calidade importante e valor engadido", sinala Cristina Cid
“Decidimos poñer no mercado produtos que teñen unha calidade importante e valor engadido, por iso no seu día decantámonos polo queixo de ovella curado, xa que non o había daquelas na Galiza” sinala Cristina Cid e engade que agora co boi tamén están comercializando a marca de calidade de Allariz.