CIS de abril: o PSOE aumenta a súa vantaxe sobre o PP, que cae tres puntos

Gráfico cos resultados do CIS de abril. (Datos: CIS / Gráfico: Nós Diario)

Tanto os de Pedro Sánchez como os de Feixoo perden apoios. O BNG mantense cunha estimación de voto de 0,8%.

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de abril reflicte unha caída de dous puntos nas expectativas do PSOE, que anota un 32,6% de estimación de voto, dous puntos menos que en marzo. Con todo, amplía a 6,5 puntos a súa vantaxe sobre o PP, que perde aínda máis e marca o seu peor dato nestas enquisas, cun 26,1%, tres puntos menos que hai un mes. O BNG mantense estábel cun 0,8% de estimación de voto.

A enquisa, que se fixo en plena guerra comercial polos aranceis de Donald Trump, apunta un crecemento de Vox, que se dispara até alcanzar 15,2%, o seu récord nas enquisas do CIS. O mes anterior, cando o presidente estadounidense empezaba a anunciar as súas primeiras medidas, os de Abascal rexistraron o seu mínimo histórico.

En cuarto lugar repite Sumar, cun 6,2% o seu peor dato desde as xerais de 2023, e axéxalle Podemos cun 4%. Pola súa parte, o partido do eurodeputado Luis 'Alvise' Pérez recibe 1,9%.

Sobre a preocupación pola vivenda

A vivenda mantense como o principal problema, segundo a poboación enquisada do Estado español, e sobe a un 28,8%, case medio punto máis con respecto ao barómetro de marzo tras as manifestacións masivas por todo o Estado para denunciar as dificultades para acceder a unha vivenda.

Mentres sobe a preocupación pola vivenda, retroceden as mencións a outros dous grandes problemas: a crise económica, que aparece cun 20,1%, e baixa tres décimas con respecto a marzo, e o paro, citado nun 18,5% dos cuestionarios, dous puntos menos que o mes anterior.

A inmigración, os problemas políticos en xeral e o mal comportamento da clase política tamén seguen estando entre os principais problemas dos españois en plena crise pola guerra arancelaria aberta polos Estados Unidos coa subida xeneralizada de aranceis anunciada polo seu presidente, Donald Trump.