A dirección estatal sitúa o senador García Buitrón á fronte da xestora de Podemos Galiza

O senador García Buitrón con Monedero

Na 'comisión técnica' estarán secretarios locais de varias cidades galegas. Nos vindeiros días decorrerán asembleas dos círculos do partido de Pablo Iglesias en Galiza.

A dirección estatal de Podemos fechou a configuración da 'comisión técnica', a xestora que dirixirá a fase do partido de Pablo Iglesias en Galiza aberta após a disolución da súa dirección. Formarán parte da mesma os secretarios locais de Podemos en cidades galegas, como Compostela, Ourense ou A Coruña. Estará presidida por García Buitrón, o senador galego de Podemos. A xestora reducirá aínda máis a capacidade de manobra de Riobóo. Non só se encargará da xestión do partido, mais tamén de marcar o discurso político. A estratexia pasa por arrinconar ou 'pontear' Breogán Riobóo toda vez que o coruñés aposta en se manter no cargo, apelando a que foi eleito polas bases. Integran a 'comisión' os secretarios locais da Coruña, Isabel Faraldo; de Ourense, Víctor Ferreiro; de Lugo, Javier Folgueira; e de Compostela, Víctor Casas Pou; así como a integrante do círculo de Pontevedra e até o de agora presidenta do Comité de Garantías disolto, Noemí Martínez; e os do círculo de Ferrol, Eduardo Nieto; e de Vigo, Nicolás Legido.

Círculos de Podemos Galiza realizarán nos vindeiros días asembleas, xuntanzas nas que a crise que atravesa o partido terá un lóxico protagonismo. Hainos, como A Coruña e Oleiros, que xa se posicionaron aberta e publicamente a favor de que Breogán Riobóo deixe o cargo, cesando o pulso que mantén con Madrid e con parte da organización en Galiza. Mais tamén hai responsábeis de círculos que o apoian (Ames, Neda ou Valdoviño). E un sentir moi amplo no seo do partido de Iglesias é que a fórmula de concorrencia ás eleccfións galegas terá que ser fixada e decidida pola filiación. Un tema para nada menor -o de como e con quen ir aos comicios- foi o detonante que resultou en disolucións de direccións e anuncios de primarias. Desde Madrid, e desde o sector que en Galiza se artella en torno aos 3 parlamentares de Podemos Galiza nas Cortes, apóstase na Marea. O deputado Gómez Reino cualificou aínda esta semana os resultados de “espectaculares” e até Pablo Iglesias reiterou en público, e en máis dunha ocasión, que En Marea era a súa opción “para gañar na Xunta”.