Causa Galiza abre proceso constituínte para crear unha nova organización independentista, asemblear e socialista

Manifestación de Causa Galiza
A que até hoxe se definiu como iniciativa popular en favor do dereito de autodeterminación considera que "agora é aínda máis necesario que nunca articular un proxecto sociopolítico independentista aglutinante e capaz de intervir na realidade nacional e comarcal". Pretenden realizar a Asemblea Nacional Constituínte da nova organización na primavera

 

Causa Galiza, que até agora se definiu como iniciativa popular en favor do dereito de autodeterminación, anuncia nun comunicado na súa web que comeza a súa transformación nos vindeiros meses "nunha organización independentista e socialista, de ámbito nacional, asemblear, con vocación de masas e rumada á loita de masas, ideolóxica e institucional". A decisión xorde, afirman, froito do proceso de reflexión desenvolvido nestas semanas, e ten como finalidade "dotar a reivindicación da independencia e o socialismo dun proxecto político amplo, ilusionante e capaz de materializar unha prática efectiva nesta dirección".

"Queremos dotar a reivindicación da independencia e o socialismo dun proxecto político amplo, ilusionante e capaz de materializar unha prática efectiva nesta dirección"

Nesta liña, escollerase en breve unha comisión nacional, con responsábeis permanentes de organización, comunicación e finanzas e enlaces comarcais, encargarase de executar duas tarefas: afortalar a base territorial do proceso e definir os marcos, tempos e liñas mestras, que concluirá coa asemblea nacional constituinte do novo proxecto político para a primavera.

Causa Galiza afirma que "adoptamos esta decisión coa convición de que, neste momento de crise do estado, ascenso da mobilización social e tensionamento das contradicións no país, é aínda máis necesario que nunca articular un proxecto sociopolítico independentista aglutinante e capaz de intervir na realidade nacional e comarcal. Pretendemos contribuir así a dotar de referencia política e edificar un movemento de rutura co España que vaia alén dos exercicios tácticos de simulación, o oportunismo e as alianzas contranatura que hoxe proliferan no campo nacionalista galego".

Chamada a participar con ilusión aos e ás independentistas

Causa Galiza afirma que vai desenvolver un extenso plano de contactos con "decenas de independentistas galegos e galegas interesadas na tarefa proposta e xerar así nas próximas semanas unha onda de ilusión, participación colectiva e compromisos co proceso e os seus obxectivos, abrindo portas e xanelas a todas as persoas que desexen achegar os seus esforzos e impulsar o proxecto independentista".