Carta de Besteiro á militancia do PSdeG: "Non son días fáciles"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dirixiuse esta cuarta feira á militancia socialista a través dunha carta na que aborda a crise aberta no partido tras as acusacións de presunto acoso que afectan o xa ex presidente da Deputación de Lugo e ex secretario provincial socialista, José Tomé. Besteiro expresa "dor, indignación e repugnancia" ante os feitos coñecidos nos últimos días e asegura que a organización activou xa "todos os mecanismos internos" para investigalos "con rigor e até o final".
Besteiro subliña que a primeira palabra do partido debe ser para as vítimas, ás que transmite "afecto, respaldo e solidariedade". "Defender as mulleres fronte a calquera forma de violencia non é unha consigna, é unha convicción que nos define. Caia quen caia. Sen excepcións nin fisuras", afirma na misiva.
Eis a carta íntegra:
Hoxe diríxome a vós con sinceridade e moita dor.
As informacións publicadas nas últimas horas sobre o presunto acoso na provincia de Lugo causáronnos a todas e todos unha profunda tristeza, unha indignación fonda e unha repugnancia inevitable. Sabedes que no noso partido nunca miramos cara outro lado. Por iso, xa están activados todos os mecanismos internos para investigar con rigor e chegar até o final, como sempre fixemos.
Como organización feminista, comprometida e valente, a nosa primeira palabra é para as vítimas. Queremos que saiban —e quero dicírvolo tamén a vós— que teñen o noso afecto, o noso respaldo e a nosa solidariedade. No Partido Socialista, defender ás mulleres fronte a calquera forma de violencia non é unha consigna: é unha convicción que nos define. Caia quen caia. Sen excepcións. Sen fisuras. Tolerancia cero.
Desde onte, José Tomé xa non forma parte do Partido Socialista. Solicitou a súa suspensión de militancia e anunciou a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e o abandono de todos os grupos socialistas. Era o que debía facer. Era o que tiña que facer. E é tamén o que lle esiximos neste partido, xunto á entrega das actas. O PSdeG non entende a exemplaridade como un xesto retórico, senón como unha obriga ética.
Quero trasladarvos algo moi importante: non temos acceso a ningunha denuncia presentada a través da canle específica do partido contra o acoso, porque o protocolo garante o anonimato absoluto. Ese mesmo anonimato é o que permite que as mulleres se sintan seguras para dar o paso de denunciar, respectando os seus tempos e, sobre todo, o seu dereito. Por iso, pídovos respecto para quen sufrira estes feitos e confianza no traballo do Órgano contra o Acoso, que actuará con independencia e garantías totais.
Compañeiras e compañeiros, nesta organización aprendemos que só defendendo sen medo a dignidade das mulleres estaremos á altura da nosa historia. E sabemos que tamén nestes momentos difíciles é cando un partido se retrata. Hoxe, igual que onte e como será sempre, estaremos do lado das vítimas e animaremos a denunciar calquera conduta machista, veña de quen veña. Como sempre fixemos: escoitalas a animar a denunciar.
Por responsabilidade e para garantir a estabilidade orgánica, o PSdeG proporá á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha Comisión Xestora na provincia de Lugo. Faremos, unha vez máis, o que sempre fixemos: actuar con serenidade, con firmeza e mirando de fronte aos problemas.
No día de mañá reunirase a dirección do Partido en Galicia para abordar esta situación tras horas de intenso traballo e, á súa finalización, farei as correspondentes declaracións públicas.
Non son días fáciles. Pero tamén son días nos que podemos sentir orgullo dunha cousa: este partido non cala, non se agocha e non se amedrenta. Defendemos a igualdade porque é a razón mesma da nosa existencia. Porque é o que somos.
Grazas polo voso compromiso, pola vosa confianza e pola vosa militancia. Sigamos avanzando, xuntas e xuntos, na defensa dos nosos valores.
Con todo o meu afecto e determinación,
José Ramón Gómez Besteiro
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE