Unha campaña con nubes e ‘Joker’
Meteogalicia avanza un período de chuvascadas para os próximos oito días con temperaturas máximas nunca por riba dos 15 graos na media do país, unha campaña electoral de 192 horas en tempo de magosto. Unha campaña curta, fría, mollada e dislocada máis parecida a daquel 20-N de 2011, co Réxime’78 entrando en crise e que deu a última maioría absoluta a Raxoi e derivou un mes despois no máis salvaxe ataque aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores desde o inicio da democracia española, que a do 20-D de 2015, co Réxime’78 patas arriba, o novo rei coroado e que comezou a serie de gobernos provisionais e parálise institucional que é a forma do R'78de ir recompoñéndose.
E son máis parecidas porque volve a incerteza, baixo a ameaza doutro período agudo da crise económica terminal (que non hai reforma que valga), e porque hai un cristo político importante en Catalunya que mete en apuros o R’78. Nese contexto estatal, os problemas de Galiza fican tan escurecidos como os ceos.
A campaña electoral comezou esta noite no país coas candidatas e candidatos intentando convencerse a si mesmas de que as cousas aínda teñen arranxo mentres en Catalunya a policía, moito máis práctica en tempos convulsos, empezaba a visitar domicilios para deter manifestantes. Son días escuros e por iso Joker non se cataloga como ciencia ficción.
O PP: "A dispersión do voto beneficia a Sánchez"
“A dispersión do voto nas dereitas fai máis forte a Pedro Sánchez”, repetiu o PP en diferentes foros no país nesta xornada previa ao comezo oficial da campaña electoral. ‘Por todo o que nos une’ é o lema dos populares, que centrarán as súas mensaxes en recuperar ás votantes fugadas cara Ciudadanos e Vox nos comicios anteriores. “Hai dúas maneiras de facer presidente a Pedro Sánchez, unha é votando ao PSOE e a outra é elixindo a papeleta de calquera outro partido que non sexa a do PP”, indicou Miguel Lorenzo, candidato ao Senado pola Coruña, durante un acto que protagonizou o presidente provincial dos populares Diego Calvo, que insistiu no argumento (Sánchez ten a culpa de todo, empezando pola repetición electoral), a xente non debe deixar que a “engane” de novo e debe “concentrar o voto na papeleta do PP” porque “ao día seguinte haberá Goberno”.
O presidente da Xunta e do PPdG, Alberto Núñez Feixoo, pediu aos galegos que se unan nun voto esixente para que volva a estabilidade a España "e se cumpra coa nosa Comunidade"; porque, segundo apuntou, o que precisa Galiza son "certezas e compromisos" por parte do próximo Goberno do Estado. Feixoo abriu a campaña en Vigo apuntando que "o que está a suceder en España non é irremediábel e que Galiza é a mostra de que a alternativa sólida e clara no PP é real".
O PSOE: “Non queremos a Casado e a Abascal no Consello de Ministros”
O PSOE concentrou seus líderes na Coruña. Gonzalo Caballero, o secretario xeral, lanzou a primeira apelación ao voto chamando “a todos os galegos e todas as galegas que non queren ver Abascal como vicepresidente de Pablo Casado” a escoller a papeleta do PSOE e, así, seguir profundando nos avances sociais impulsados no último ano e medio de goberno socialista”. Caballero estivo acompañado da ministra de Economía, Nadia Calviño; a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado.
“No PSOE temos un proxecto positivo para a cidadanía”, recalcou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé que nesta ocasión é “moi necesario” acudir a votar e facelo polo proxecto que encarna Pedro Sánchez para así frear o avance da ultradereita que prognostican as enquisas.
Actos para esta sexta feira: A campaña socialista arranca esta sexta feira en Lugo, cun paseo de Caballero polo centro da cidade xunto a Nadia Calviño e a alcaldesa Lara Méndez. Pola tarde, o líder dos socialistas galegos ofrecerá un mitin en Cedeira (20 horas).
Galicia En Común: "Temos que dar unha nova lección de democracia como país”
As candidatas e candidatos de Galicia En Común arrancaron a campaña electoral na Coruña baixo o lema Conta con Nós facendo un chamado á mobilización para que Galiza estea no próximo Goberno do Estado. "O 10 de novembro xogámonos o tipo de Goberno que teremos a partir do día seguinte", incidiron as candidatas Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino nun acto celebrado na rúa do Papagayo, arroupados polo resto das candidatas e candidatos ao Congreso e ao Senado das catro circunscricións galegas.
Gómez-Reino e Yolanda Díaz reclamaron o apoio dos pensionistas, "que loitaron e traballaron toda a vida e agora nin escoitan"; das estudantes e traballadoras precarias e empobrecidas "que fan equilibrios impensables"; e das mulleres, "que tanto nos teñen ensinado das súas loitas que non cesan". E manifestaron o seu "compromiso" e a súa "vontade" de levar as esas voces e os problemas das galegas e dos galegos "aos centros da decisión política, para transformalos en accións que nos permitan avanzar como sociedade”.
Actos para esta sexta feira: David Bruzos, o número un por Ourense, Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Julio Rodríguez (Podemos) e o secretario xeral do PCE, Enrique Santiago, entre outras, participan no mitin de Ourense (19.30 horas).
O Bloque: “Hai alternativa se optamos por defender o noso”
Na Coruña, protexidas baixo o viaduto de Alfonso Molina, como no arranque da campaña das municipais, coa mesma chuvia pero máis frío, as nacionalistas despregaron luz e ilusión convencidas de que o escano pola Coruña está moito máis preto que en abril.
O candidato nacionalista tamén apelou ao voto das persoas "defraudadas” cunhas forzas estatais “que deixaron vendido este país sen pular en ningún momento por defender os nosos intereses". Néstor Rego salientou que, desde o 28-A "aclarouse o panorama electoral sendo desta volta o BNG a única forza galega que concorre e iso significa tamén que son moitas máis as persoas que se achegan de novo a nós e mostran de maneira clara o seu apoio, por iso estamos certos de que esta é unha oportunidade que os galegos e as galegas non van desaproveitar”.
Actos para esta sexta feira: Pola mañá, Ana Pontón presenta as propostas en materia de Igualdade e contra a violencia de xénero acompañada das candidatas ao Congreso por Pontevedra e Lugo, Carme Da Silva e Olalla Rodil. Pola tarde, a portavoz nacional do BNG participará nun mitin en Allariz (19 horas) xunto ao candidato por Ourense, Francisco García, a alcaldesa Cristina Cid e a deputada Noa Presas.
Ciudadanos: “Somos a única alternativa viábel”
Na Coruña, a número un, María Vilas [a esquerda na imaxe] dixo que é "unha honra e unha responsabilidade ser a voz dos coruñeses no Congreso". E incidiu na mensaxe de optimismo malia as enquisas e na "oportunidade" que as eleccións abren para "devolver o protagonismo os españois e poñer España en marcha". Vilas reclamou colocar por riba "aquilo que nos une en lugar do que nos separa" e ser "parte da solución e non o problema".
Más País iniciará esta sexta feira a súa campaña cunha ofrenda de Carolina Bescansa e Daniel Liceras, cabezas de lista pola A Coruña e Pontevedra, no Panteón de Galegos Ilustres.
Con boas intencións as principais formacións políticas empezaron oficialmente a pedir o voto de galegas e galegos. Pasará rápido. A crise ameazante, a cuestión catalá, os ceos anubrados e os problemas do país seguirán aí despois do 10-N, mais igual se ven con outros ollos. Depende.