A Cámara propón ao Goberno estatal a rebaixa do IVE para carnes e peixes

A proposta aprobouse cos votos a favor de BNG e PP e a abstención do PSdeG. (Foto: Europa Press)
Pide que estes produtos sexan considerados "de primeira necesidade".

O Parlamento galego aprobou esta cuarta feira cos votos do PP e o BNG —e a abstención do PSdeG—  que a Xunta "exerza a presión negociadora necesaria" co obxecto de que o Goberno español rebaixe o IVE a carnes, peixes e conservas.

A proposición non de lei pide que se consideren produtos de primeira necesidade tamén por parte do Goberno estatal a carne e o peixe -e ás súas conservas-, "co fin último de estimular a demanda interna e mellorar as previsións de crecemento da economía de ambos os dous sectores, evitando o prexuízo derivado da iniciativa recentemente aprobada polo Goberno de España".

Teresa Egerique (PP) considerou "necesario, dadas as circunstancias actuais e a inflación rexistrada no Estado, aliviar a situación económica das familias, especialmente daquelas con baixos ingresos", polo que avogou por "unha redución inclusiva de todos os alimentos que non só sexan considerados de primeira necesidade, senón que, ademais, contribúan á alimentación equilibrada".

Xosé Luis Rivas (BNG) lembrou que a súa formación defendeu en reiteradas ocasións esta rebaixa do IVE para estes produtos, "e pedindo non xa que se baixe a 4% senón a cero". Rivas criticou o PP por se presentar como defensor de sectores como o gandeiro e pesqueiro perante o Estado cando, dixo, "vostedes tamén gobernan e teñen competencias" e as súas políticas nestes sectores son "prexudiciais".

Por último, Gonzalo Caballero (PSdeG) xustificou a abstención da súa formación indicando que a proposición non de lei presentada polo PP procuraba "confrontar" co Goberno español e non "buscar solucións".