Un de cada catro votantes do PP reproba o apoio de Rueda a Alfonso Vilares
O apoio público mostrado polo presidente da Xunta e por varios membros do Goberno galego ao ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, cando este dimitiu o pasado 4 de xuño por unha denuncia por agresión sexual só conta coa aprobación dunha parte mínima dos galegos e das galegas. Esta é unha das conclusións que se extraen da enquisa elaborada polo instituto demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario, cun traballo de campo –combinando entrevistas telefónicas e en liña– que se desenvolveu entre o 11 e o 16 de xuño.
Deste estudo extráese que só 14% das persoas enquisadas están de acordo co proceder de Alfonso Rueda na denuncia contra un membro do seu Goberno. Pola contra, 49,2% das persoas enquisadas reproban a actuación do presidente, mentres que 36,8% responden que non están "nin a favor nin en contra" de que Rueda apoiase publicamente o ex conselleiro, manifestando o seu desexo de poder recuperalo cedo "para a vida pública" e sen dedicar palabra ningunha á muller denunciante dos feitos polos que Vilares está a ser investigado actualmente.
O presidente coñecía desde febreiro, como el propio afirmou, que o ex conselleiro fora denunciado por unha presunta agresión sexual. Mais non dimitiu do cargo até o 4 de xuño. E abandonou o posto con grandes mostras de apoio público, entre elas a do propio presidente da Xunta, con abrazo incluído e loanzas ao seu traballo á fronte do departamento de Mar. Un comportamento que foi moi criticado, entre outros ámbitos, desde as entidades, asociacións e colectivos que traballan contra a violencia machista. Unha crítica que se estendeu á ausencia, tanto por parte do presidente galego como dos membros do Executivo, de mensaxes de apoio ou solidariedade cara á vítima e o colectivo de mulleres que sofren a violencia machista.
Unha actuación, ademais, que segundo esta mesma enquisa carece da aprobación dunha parte importante das bases do propio Partido Popular: 26,8% das persoas enquisadas que din dar o seu voto ao PP non están de acordo con como xestionou o presidente este caso. Un 6,2% mesmo se manifestan "moi en contra" do apoio público de Rueda a Vilares. Catro de cada 10 enquisados que se recoñecen como votantes populares (40,8%) optan pola resposta de "nin a favor nin en contra" para valorar o proceder do presidente, un proceder que apenas é avalado por un de cada tres dos seus votantes (32,6% apoian como actuou neste caso Alfonso Rueda, mais só 2% están "moi a favor").
O maior apoio expreso para Rueda na súa xestión do 'caso Vilares' non vén das persoas que afirman votalo, senón daqueles que escollen a papeleta de Vox. Segundo o traballo de EM-Analytics, 33% dos votantes da formación de extrema dereita e ultraespañolista están de acordo co apoio amosado polo titular da Xunta ao ex conselleiro denunciado. Son 6,2 puntos máis de apoio que os que Rueda consegue entre os que din apoiar o Partido Popular.
Transversalidade
Fóra de Vox e do PP, cambian as tornas. O proceder de Rueda respecto a este caso apenas ten apoio, nin entre as persoas enquisadas que din ser votantes doutras opcións políticas diferentes ás dúas mencionadas anteriormente nin naquelas que aseguran optar pola abstención ou se declaran indecisas. E entre as outras tres organizacións políticas que teñen canda o PP representación no Parlamento galego, a reprobación a Alfonso Rueda é amplamente maioritaria.
84% das e dos enquisados que confesan ser votantes do BNG rexeitan que o presidente galego apoiase publicamente a Alfonso Vilares. Un 53,6% afirman estar "moi en contra" e 30,4% "en contra", e só 12,4% escollen a opción "nin a favor nin en contra". Pola súa parte, entre os votantes do PSdeG, 61,6% censuran como xestionou o titular do Executivo galego este caso (co 30,8% "moi en contra"), mentres que 23,1% responden que non están nin a prol nin en contra da actuación do presidente. Aliás, entre aqueles que din escoller o voto de Democracia Ourensá hai unha alta porcentaxe (84%) de críticos con Alfonso Rueda neste tema, que cuestionan que mostrase o seu apoio público ao ex conselleiro.
Das persoas enquisadas que se cualifican como abstencionistas, case a metade (45,2%) reproban Alfonso Rueda, se ben neste colectivo dáse a porcentaxe máis alta entre todas as enquisadas (38,4%) das que optan polo "nin a favor nin en contra". Iso si, só 6,4% ven ben como procedeu o presidente. Entre as persoas indecisas, a reprobación ao titular da Xunta da Galiza atinxe 50% da mostra analiza, por volta de 10% que avalan a súa actuación no 'caso Vilares' e 40% que non optan nin por reprobar nin avalar o seu comportamento.
E no tocante a quen optan por "outras" formacións políticas diferentes das mencionadas –aquelas que non alcanzan 3% de intención de voto en ningunha das circunscricións–, o rexeitamento é tamén maioritario: 52,6% das persoas reproban Rueda, e só o apoian 6,5%.
A circunscrición de Rueda, a máis crítica co apoio a Vilares
Pontevedra é "a provincia de Rueda" para o Partido Popular. Non só porque nela nacese o actual presidente da Xunta, senón porque nela iniciou a súa carreira política e nela exerceu o control directo do paryido durante seis anos (2016-2022) como presidente do PP provincial, substituíndo Rafael Louzán. E é nesta circunscrición, a de Pontevedra, é precisamente onde máis rexeitamento xera o apoio público de Rueda ao ex conselleiro: 50,1% das persoas enquisadas móstranse contrarias a ese proceder —26,8% mesmo "moi contrarias"—, mentres que só 13,7% avalan a súa actuación. E só 1,1% apoian totalmente o que fixo o titular da Xunta.
Na circunscrición da Coruña o proceder do presidente galego ten 48,9% de reprobación, mentres que 37% responde cun "nin a favor nin en contra" e 14,2% si que apoian como actuou neses días Rueda no 'caso Vilares'. Tamén Ourense e Lugo suman máis detractores que partidarios do apoio que Rueda mostrou ao seu ex conselleiro após a imputación. Na circunscrición ourensá 48,5% das persoas enquisadas reproban o presidente, por 13,3% que están a favor e 38,4% que "nin a favor nin en contra". Na de Lugo é onde máis apoio atopa Rueda ao seu comportamento —iso si, apenas 14,9%—. Porén, o rexeitamento alcanza 47,1%.
Ficha técnica:
Enquisa exclusiva elaborada por EM-Analytics sobre opinión pública na Galiza, con ámbito nacional e desagregación por provincias e intención de voto. Realizáronse 700 entrevistas híbridas (en liña e telefónicas), segmentadas por sexo, idade, ámbito xeográfico, nivel educativo, ocupación, nivel de renda e lembranza de voto. A mostra distribuíuse de maneira proporcional: A Coruña (271), Pontevedra (228), Lugo (100) e Ourense (101). O traballo de campo realizouse entre o 11 e o 16 de xuño de 2025, ambos inclusive. Marxe de erro: ±3,7 p.p. Nivel de confianza: 95% (dous sigmas), na hipótese de P=Q=0,5