O PP veta que o Parlamento galego se solidarice coa muller que denunciou Alfonso Vilares por agresión sexual
Nin mostrar solidariedade coa muller que denunciou o ex conselleiro Alfonso Vilares por agresión sexual, nin reprobar a filtración pública da súa identidade, nin tampouco pór a a disposición da denunciante todos os recursos previstos na Lei da violencia de xénero e, singularmente, no seu artigo 30 canto ao exercicio da acción popular no procedemento penal.
O Partido Popular votou esta terza feria non a todo na moción presentada polo BNG e que, en palabras de Noa Presas, "brindaba aos deputados do PP unha oportunidade para rectificar unha actuación intolerábel [a do presidente da Xunta e Goberno galego apoiando publicamente Alfonso Vilares] e acertar, deixando de ser cómplices do machismo".
"Pedimos un pronunciamento deste Parlamento que estea á altura do compromiso que outras veces esta Cámara expresou coas vítimas de violencia machista, á altura dun Parlamento exemplar ao aprobar no seu día, por unanimidade, unha lexislación en violencia machista que segue sendo das máis avanzadas", reivindicou a parlamentaria do BNG.
Os populares tamén votaron en contra de que se remitise á Cámara a documentación que acreditase "o momento exacto" no que Rueda tivo constancia dunha denuncia por agresión sexual ao ex conselleiro. Presas lamentou que Alfonso Rueda e os conselleiros —con especial mención á de Igualdade— persistan en "pórse do lado do machismo para defender un dos seus". “Nestes días vimos —vemos aquí tamén neste hemiciclo— moitas cabezas baixas mais ningunha rectificación”, subliñou.
Paloma Castro (PSdeG) afirmou que o Goberno galego "non o puido facer peor" no 'caso Vilares', "manténdoo catro meses como conselleiro" a pesar de ter coñecemento da denuncia. "Rueda puxo en valor o seu colega conselleiro", denunciou.
"Isto só trasladou á cidadanía galega falta de credibilidade á presunta vítima, unha mensaxe nefasta, unha metedura de zoca total. Unha conduta que demostra que a pesar de vivir nunha sociedade igualitaria esta sociedade segue sendo un patriarcado", reprochou.
Pola súa parte, Raquel Arias (PP) dixo que a Xunta tiña "tolerancia 0 coa violencia de xénero" e destacou que Vilares dimitise ao ser imputado por agresión sexual. Arias sacou na súa intervención as conversas entre Koldo García e o ex secretario de Organización José Luis Ábalos sobre mulleres que cualificou de "declaracións horripilantes e vomitivas", mentres o BNG, engadiu, "aínda segue apoiando o Goberno de Sánchez". "Deixen de mancillar o feminismo. Se fosen só un pouco feministas, hai moitos días que terían roto con Sánchez", subliñou Raquel Arias.
Na quenda de réplica, Noa Presas manifestou que ao BNG dálle "tanto noxo os puteros que sentan nun Consello de Ministros do PSOE que nun Consello da Xunta do PP". "Dános o mesmo noxo que se tente amparar, edulcorar e branquear unha presunta agresión sexual desde os medios públicos da Xunta", insistiu.
Enquisa
Nós Diario publicou esta terza feira unha enquisa exclusiva sobre o proceder do Goberno Galego no 'caso Vilares', e que reflectía como a metade dos galegos e galegas —incluído un de cada catro votantes do PP—reprobaban a actuación de Rueda.
O apoio público mostrado polo presidente da Xunta e por varios membros do Goberno galego ao ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, cando este dimitiu o pasado 4 de xuño por unha denuncia por agresión sexual só conta coa aprobación dunha parte mínima dos galegos e das galegas. Esta é unha das conclusións que se extraen da enquisa elaborada polo instituto demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario, cun traballo de campo –combinando entrevistas telefónicas e en liña– que se desenvolveu entre o 11 e o 16 de xuño.