Caballero denuncia os "recortes" en atención primaria en Lugo, "unha alerta para toda Galiza"

Gonzalo Caballero, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (á esquerda da imaxe), este sábado no centro de saúde de Fingoi (Europa Press)

A alcaldesa da cidade, a socialista Lara Méndez, advirte dos "riscos" de concentrar os sábados pola mañá "os case 100.000 lucenses nun só centro" médico, o de Fingoi.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou os "recortes" realizados en atención primaria en Lugo tras a decisión do Sergas de concentrar toda a actividade de medicina xeral e pediatría dos sábados pola mañá no centro médico de Fingoi.

Até alí se desprazou na mañá deste sábado, 19 de setembro, o secretario xeral dos socialistas galegos quen, acompañado pola alcaldesa da cidade, a tamén socialista Lara Méndez, advertiu que a decisión adoptada en Lugo constitúe "unha alerta" do que pode acontecer "en toda Galiza".

"Acabamos a pasada lexislatura cunha gran mobilización contra o fechamento do paritorio de Verín e iniciamos esta rexeitando os recortes na sanidade pública de Lugo", apuntou Caballero, quen instou a Sanidade a "rectificar" unha decisión "non consensuada" e que constitúe, ao seu xuízo, un "erro garrafal".

Neste sentido, demandou que, no canto de concentrar a atención nun só punto e ante o previsíbel incremento da actividade en atención primaria coa chegada do outono, a Xunta debe reforzar o persoal laboral para que os ambulatorios funcionen "con garantías e con seguridade".

"A sanidade pública é fundamental, sobre todo nestes tempos da Covid, e fortalecer a atención primaria é o que estabelecen todas as recomendacións", incidiu, antes de censurar que o PP entenda "eficiencia" como "servizos sanitarios cada vez máis recortados e máis afastados da poboación".

Caballero dixo que a Xunta "sempre atopará a man tendida" dos socialistas galegos para "traballar fronte á pandemia", mais non serán "cómplices dos recortes na sanidade pública".

Alcaldesa de Lugo

Pola súa banda, a alcaldesa Lara Méndez lembrou que a atención primaria está sinalada como "o muro de contención da pandemia", polo que cargou contra unha decisión que, á súa entender, supón "un novo recorte" por criterios económicos.

"Non se pode concentrar os case 100.000 lucenses nun único centro de saúde", aseverou Méndez, e alertou dos "riscos" dunha decisión que ve froito da falta de persoal laboral, polo que reclama á Xunta que, da mesma maneira que accedeu a aumentar o persoal de profesorado para este curso, tamén incremente os efectivos para a sanidade pública.